PolíticaÚltima hora

O BNG do Barco presenta no pleno unha moción “para acadar a equidade da vacinación contra o Covid”

Ademais o concelleiro nacionalista, Suso Vilasánchez, defenderá outra moción sobre as mobilizacións feministas do 8M

O concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez./ Foto: A.R.

 

Na sesión plenaria que a Corporación do Barco celebrará na tarde deste xoves 4 de marzo o BNG, a través do seu concelleiro Suso Vilasánchez, presentará dúas mocións, unha delas para “acadar a equidade na vacinación contra o Covid-19”. O texto da iniciativa indica que “a actual pandemia do Covid-19 fai preciso o uso de diversas estatexias e terapias para, nun principio, diminuír a morbimortalidade e posteriormente controlar ou erradir esta patoloxía infecto-contaxiosa. Unha desas terapias é a vacinación masiva de poboación e unha das estratexias e facela por capas de grupos de risco; actualmente estase a realizar a vacinación na poboación xeral nas persoas de 80 e máis anos, cunha previsión de finalización desta etapa sobre o 31 de marzo. O censo de vacinación e a orde de prioridade é establecida pola Dirección xeral de Saúde Pública, non podendo vacinarse as persoas que non estean incluídas nesas listaxes”, tal e como sinala na exposición de motivos da moción o concelleiro do BNG.

Suso Vilasánchez considera que nestes momentos está “encamiñada, nese senso, a problemática das persoas desprazadas doutras comunidades” e centra a moción nos “colectivos “esquecidos” de transeúntes e inmigrantes indocumentados que se atopan na mesma situación de incensados e, por tanto, son excluídos dos actuais plan de saúde pública”.

Nesa liña a moción pide ao pleno da Corporación barquense adopar un acordo para que o Concello do Barco se dirixa á Consellería de Sanidade para que “deseñe un plan para a vacinación de colectivos excluídos socialmente e fóra de censos sanitarios, incluíndo inmigrantes en situación irregular, e procesa a ofertar a vacinación completa do Covid-19”, matizando ademais que “o plan deberá ter as suficientes garantías de confidencialidade”.

Moción sobre as mobilizacións feministas do 8 de marzo

Así mesmo, o concello nacionalista Suso Vilasánchez presentará outra moción nesta sesión plenaria do Barco relativa ás mobilizacións feministas do 8 de marzo na cal incide en que a pandemia “fixo visíbel o papel esencial das mulleres para o sostemento da vida e aqueles traballos esenciais para a sociedade”.

No acordo da moción plantéxase “expresar e recoñecer as convocatorias do feminismo galego autoorganizado que neste 2021 colocan no centro do debate os coidados e as consecuencias para as mulleres galgas do sistema económico, social e político no que vivimos”, así como “instar á Xunta a demandar do goberno central o aumento dos recursos destinados á inspección laboral e a súa transferencia á Comunidade autónoma galega, e á creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencia para realizar inspeccións aleatorias para testar a existencia ou non de discriminación por razón de xénero”.

Finalmente, a moción pide, entre outras cuestións, “instar á Xunta a asumir as súas competencias en materia de atención á dependencia. Mentres tanto, e en canto estas competencias sexan exercidas nunha parte fundamental polos concellos galegos, incrementar nomeadamente o financiamento que achega ao sostemento do Servizo de Axuda no Fogar”.

Artigos relacionados

Back to top button