PolíticaÚltima hora

O BNG leva ao Parlamento e á Deputación iniciativas para mellorar as infraestruturas valdeorresas

Secundino Fernández, parlamentario galego do BNG, e Bernardo Varela, deputado provincial, comparecían en rolda de prensa para informar das inicativas presentadas por esta formación política na Cámara Galega e na Deputación

 

A mellora das comunicacións viarias de Valdeorras “é unha urxencia”. Así o aseguraban o deputado galego do BNG no Parlamento galego, Secundino Fernández, e o deputado provincial Bernardo Varela, que comparecían esta mañá en rolda de prensa acompañados por concelleiros desta formación política en Valdeorras e pola alcaldesa da Rúa.

Era precisamente esta rexedora, María G. Albert, quen abría a quenda de intervencións sinalando que “todas as administracións teñen demostrado unha falta de sensibilidade absoluta coa comarca, que presenta unhas necesidades de comunicación diferentes a outras zonas do país”.

A continuación, o parlamentario galego Secundino Fernández, que é tamén concelleiro en Viana do Bolo, lembraba que a semana pasada saía adiante unha iniciativa presentada polo BNG na Cámara galega para pedir que a estrada OU-533 (ente A Gudiña e A Rúa) se arranxe na maior brevidade posible e que a Xunta inclúa unha partida específica nos orzamentos de 2025 para a execución das obras.

 

 

Fernández comentaba que o BNG se interesou “numerosas veces polo seu arranxo e mellora” e salientou a importancia de acometer as obras dunha vía “de grande importancia como elemento vertebrador do oriente ourensán”, cun trazado moi sinuoso e abudantes curvas, especialmente no tramo duns 20 km entre A Gudiña e Viana do Bolo, no que “non hai ningún carril para os vehículos lentos e as zonas para adiantar son practicamente inexistentes”. E engadía que a OU-533 serve de eixo do oriente ourensán, unindo a comarca de Valdeorras coa A-52 na Gudiña. Tamén circulan por esta estrada moitos vehículos e grande numero de mercadorías que se dirixen cara o norte de Portugal e que proceden de Valdeorras,de Lugo ou mesmo da comarca do Bierzo, León, Asturias e incluso Cantabria.

 

 

Tras o acordo tomado no Parlamento galego, Secundino Fernández apuntaba que o BNG vai estar vixilante “para que se cumpra ese compromiso e para que se obra vaia adiante a maior brevidade posible”. Tamén adiantaba que “imos seguir presentando propostas sobre outras vías de Valdeorras que dependen do Estado”, citando, entre outras a estrada N-120 e o proxecto da A-76.

Moción no pleno de xullo da Deputación de Ourense

 

 

A situación das infraestruturas valdeorresas tamén será obxecto de debate no pleno da Deputación de Ourense, xa que o BNG vai defender na sesión do vindeiro 24 de xullo unha moción pedindo unha serie de melloras e actuacións a este respecto, tal e como avanzaba o deputado provincial Bernardo Varela. “Valdeorras é a segunda comarca en poboación da provincia de Ourense e constitúe un dos motores económicos da provincia, porén sobre ela pesa un illamento do que son responsables as diferentes administracións, non se ten feito o traballo necesario para pór en marcha unhas comunicacións acordes co século XXI en Valdeorras”, dicía.

 

 

Neste senso, o BNG levara ao pleno provincial unha iniciativa na que se pide, entre outros acordos, que a Xunta impulse a contratación das obras de arranxo da OU-533 o antes posible e que dote esa actuación dun orzamento para o 2025, que a Deputación inste ao Goberno do Estado a que realice unha mellora integral do firme da N-120, así como traballos de limpeza de biomasa nos noiros da vía e que elabore un estudo pormenorizado sobre os puntos negros con accidentes provocados pola fauna salvaxe, ademais de pedir os acceso á N-120 na Rúa e en Vilamartín. Outro dos puntos refírese á mellora da estrada a San Vicente, que é de titularidade provincial.

“Pensmos que son cuestións de xustiza e esperamos contar co respaldo dos demais grupos políticos nesta moción”, concluía Varela.

Fotos e vídeos: O SIL.

Back to top button