PolíticaÚltima hora

O BNG leva ao pleno do Barco unha moción sobre a situación dos conservatorios municipais

 

O grupo municipal do BNG do Barco defenderá unha moción sobre a situación dos conservatorios de música municipais galegos no vindeiro pleno desta Corporación, previsto para o 5 de setembro.A moción comeza expoñendo que “en Galiza existe unha rede de Conservatorios con ensinanzas especiais no ámbito musical regradas e que as competencias son asumidas polos concellos onde se atopan situados, aínda tendo alumnado que reside nos concellos próximos ou incluso de vilas onde os conservatorios da Xunta se atopan sen prazas vacantes dos instrumentos escollidos polas estudantes. Amais temos centros que reciben estudantes do país veciño, Portugal”.

Neste contexto os nacionalistas sitúan 23 conservatorios galegos, “tan diversos como Tui, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Carballiño, Redondela, Ponteareas, Viveiro, Carballo, Cangas ou Monforte de Lemos entre outros, que deben asumir a xestión e o custo practicamente completo dos centros educativos de Música, con titulación oficial e regrada, no Grao Profesional e que dependen directamente da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP”.

No acordo da moción do BNG pídese que a Corporación Municipal inste “ao Goberno galego a asumir por parte da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP, as seguintes accións: 1- Asumir as súa competencia con respecto aos Conservatorios con titulacións oficiais, xestionar e custear o servizo educativo na súa totalidade: mantemento, dotacións, materiais educativos e instrumentos, persoal docente e non docente.

2- En tanto planifican asumir a competencia dos conservatorios municipais galegos, convocar axudas aos concellos que cubran os custos da súa xestión, colaborar na substitución ou cobertura de prazas vacantes do persoal docente mediante as listaxes da Consellaría de Educación e proporcionar as ferramentas informáticas que se precisen.

3- Crear unha rede de conservatorios profesionais de música, agrupando os centros por comarcas, de acordo a criterios territoriais de proximidade, así como de poboación total, tendo en conta unha oferta equilibrada territorialmente e atendendo aos datos de poboación e propostas dos diferentes Concellos.

4- Escoitar previamente as direccións dos centros e as comunidades educativas e os Concellos para avanzar no obxectivo de que pasen a ser Conservatorios da Xunta de Galiza”.

Artigos relacionados

Back to top button