PolíticaÚltima hora

O BNG levará ao Parlamento galego “as deficiencias na liña de transporte escolar” entre Vilamartín e o IES Cosme López (A Rúa)

Pedirán que se manteña o itinerario oficial dende Vilamartín ata o centro, que foi modificado pola empresa de bus "dun xeito inxustificado"

 

Sobre a situación da liña de transporte escolar entre Vilamartín de Valdeorras e o IES Cosme López da Rúa centraranse dúas iniciativas que o grupo parlamentario do BNG levará á Cámara galega. Así o adiantaba esta mañá en rolda de prensa o deputado nacionalista no Parlamento galego, Secundino Fernández, que estaba acompañado pola alcaldesa da Rúa, María G. Albert, e por unha representante do colectivo de pais e nais afectadas.

Fernández explicaba como esa liña, cuxo itinerario vai de Vilamartín de Valdeorras (bar Marbella)-San Miguel de Outeiro-Valencia do Sil (praza)-Somoza (praza)-San Roque (A Rúa Bar)-A Rúa Camiño Novo- Vilela (A Rúa)-IES Cosme López Rodríguez; “comezou a cambiar o itinerario de recollida dos nenos, de xeito que se incrementa o tempo que están no autobús dun xeito inxustificado. O itinerario que impuxo a empresa é o seguinte: Somoza (praza)-Vilamartín de Valdeorras (bar Marbella)-San Miguel de Outeiro-Valencia do Sil (praza)-San Roque (A Rúa Bar)-A Rúa Camiño Novo- Vilela (A Rúa)-IES Cosme López Rodríguez. Deste xeito as nenas e nenos de Somoza teñen que saír da casa ir a Vilamartín e despois volver parada por parada até chegar ao IES. Este cambio supón un incremento de tempo no autobús de 20 minutos en cada traxecto pasando de 4,5 km que tiñan no itinerario previsto a 15 km. En total cada día estes nenos de Somoza teñen que pasar 30 minutos en cada traxecto de autobús para desprazarse a un instituto que teñen a 4,5 km. E todo este desprazamento ten que facerse por estradas perigosas cunha negra historia de accidentes con escolar esafectados. Estamos ante un cambio de traxecto inxustificado que non aporta ningún beneficio aos usuarios do transporte, sexan escolares ou non”.

O deputado galego tamén apuntaba como a situación foi trasladada “en numerosas ocasións aos responsábeis do transporte en Ourense” e que, segundo a ANPA do IES, a “empresa de transporte chegou a “pedir” aos proxenitores dos escolares que asinaran unha petición de modificación do itinerario. A sorpresa dos pais e nais foi maiúscula cando en días pasados recibiron un escrito a traveso da ANPA do IES Cosme López do servizo de mobilidade da consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes no que autorizaban o cambio de itinerario a petición da empresa prexudicando enormemente aos escolares de Somoza”.

Neste senso, o BNG levará varias preguntas sobre este tema ao Parlamento galego e unha proposición non de lei para pedir no pleno que se manteña o itinerario que a liña tiña anteriormente e para que se adecúen “os horarios do transporte á realidade de comezo e remate das clases; de xeito que non teñan que estar esperando 15-20 minutos a mañá agardando a que comecen as clases e o mesmo tempo ao remate esperando a que chegue o autobús”.

En representación das familias afectadas interviña Conchi, de Somoza (A Rúa), quen explicaba que no caso dos rapaces que se soben ao autobús en Somoza o cambio de percorrido implica que se teñan que levantar vinte minutos antes e que perdan unha hora ao día no transporte “cando o tempo que lles debería levar chegar ao centro sería de pouco máis de cinco minutos dende aquí”. E o que máis preocupa ás familias é “a perigosidade da estrada pola que vai o autobús, cando se seguira o traxecto que aparece na páxina da Xunta tería que ir pola estrada N-120”. Outra cousa que non entende esta nai é que os alumnos usuarios deste transporte, que chegan 20 minutos antes do inicio das clases ao centro, teñan que estar agardando fóra.

Esta situación, engade vense arrastrando dende o pasado curso, onde dende a ANPA do IES Cosme López e dende o propio centro xa se puxo en coñecemento da Xunta esta situación. Tanto dende a Anpa como dende o instituto piden que se faga o percorrido de transporte escolar que, “aínda hoxe pode verse na páxina da Xunta”. Contan co apoio do Concello da Rúa e en apoio a esta demanda están a recoller tamén sinaturas.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button