PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá en pleno a implantación progresiva dunha rede WI-Fi municipal gratuíta

Será na vindeira sesión plenaria da Corporación barquense, prevista para a tarde do 14 de decembro

Suso Vilasánchez, un dos concelleiros do BNG no Barco./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Entre os puntos que se abordarán na sesión plenaria que a Corporación barquense celebrará o xoves 14 de decembro figura unha moción presentada polo BNG para pedir a implatación progresiva dunha rede WI-Fi municipal de balde para o concello do Barco.

A moción comeza lembrando que en novembro o alcalde, Alfredo García, presentaba antes os medios de comunicación un borrador da Axenda Urbana para O Barco, e tendo en conta os obxectivos desta iniciativa o BNG considera “imprescindible que o Concello asegure o acceso a internet para todos os seus habitantes, incluídos os dos núcleos afastados a través de radiofrecuencia, e consideramos necesario iniciar a implantación dunha rede WI-Fi que permita a conexión a internet da cidadanía barquense”.

Así mesmos edís do BNG no Barco indican que, “atendendo á existencia dunha complexidade técnica e legal (que non imposibilidade técnica ou legal, pois moreas de concellos tanto na Galiza como no resto do Estado xa dispoñen destes servizos), non se pode pretender reclamar inmediatamente a cobertura total do territorio, dado que ninguén nas nosas circunstancias de territorio cualificado como “área negra” foi quen de facelo nun primeiro momento; xa que aparte da complexidade técnico-económica entrariamos en conflito coas prestacións directas de servizo por parte de organizacións empresariais, (A clasificación dos territorios en zonas brancas, grises e negras aparece por primeira vez nunha comunicación da Comisión Europea inserida no Diario Oficial da UE en marzo de 2013. As áreas negras son os territorios nos que están presentes ou se desenvolverán nun futuro próximo ao menos dúas redes de ultra-banda ancha por dous operadores diferentes)”.

Ante isto o grupo municipal do BNG pide na moción que o “Concello do Barco en contacto coas diferentes empresas que ofertan servizos de conexión a internet, impulsará a chegada da fibra óptica ou no seu defecto o 5G a tódolos recunchos do concello. O Concello do Barco instaurará WI-Fi de balde para a cidadanía en tódolos edificios dependentes da administración municipal, parques e prazas do concello, así como polo menos un punto de conexión en cada núcleo de poboación periférico antes de finais do ano 2025, intentando sempre acadar locais cubertos onde a cidadanía poida conectarse. O Concello do Barco presentará en Pleno un plan de desenvolvemento da implantación de Wi-Fi municipal de balde antes de rematar o ano 2024”.

Artigos relacionados

Back to top button