PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá explicacións no Congreso sobre o sucedido na presa de Valencia do Sil

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

 

O deputado do BNG Néstor Rego preguntará no Congreso dos Deputados polas circunstancias que rodean ao acontecido o 23 de febreiro, día no que rebentaba a comporta central da presa de Santiago, situada na localidade de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras).

Desde o Bloque Nacionalista Galego na comarca de Valdeorras incídese na “gravidade dun feito destas características e no impacto que podía ter no caso de que o accidente se producise noutra franxa horaria con xente pescando ou realizando outras actividades nas proximidades da presa”.

Nese sentido a deputada galega e portavoz municipal do BNG no Concello da Rúa, María Albert, destaca que “é preceptivo que, máis aló da investigación que de oficio leve a propia empresa, as institucións públicas con competencias na materia realicen unha investigación independente analizando, entre outras cousas, se había problemas previos que levaran a que a presa cedese, cales eran as medidas preventivas e de continxencia que tomou a empresa e que impacto tivo o feito concreto sobre o río Sil e sobre a fauna que nel habita e aniña”.

Desde o BNG destacan que foi unha “sorte que este estourido se dese na presa de Santiago, que polas súas características de clase e capacidade ten un impacto limitado” pero amósanse preocupados “pola incerteza que se produce de que unha situación similar puidese acontecer nunha presa de maior capacidade”.

Noutro ámbito desde o BNG preguntarase tamén polas consecuencias que esta perda dramática de auga que chegou a baleirar todo o embalse puido ter sobre a fauna que habita e aniña nese tramo do río.

Artigos relacionados

Back to top button