PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no pleno do Barco “máis recursos económicos para loitar contra a violencia de xénero”

Este será o contido principal dunha das tres mocións que o concelleiro Suso Vilasánchez presentará na sesión plenaria de novembro

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez.

 

Ata tres mocións presentará o concelleiro do BNG no Barco, Suso Vilasánchez, na vindeira sesión plenaria da Corporación barquense, prevista para o xoves 11 de novembro. Entre eles figura unha sobre “o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero”. Na exposición de motivos desta moción, o edil nacionalista indica que “no que vai de ano 2021 Galiza xa tivo que saír á rúa condenar un feminicidio cometido na Coruña, e lembremos que trala condena pública na rúa e a declaración institucional, o noso concello está á espera de que conclúan as investigacións respecto do asasinato de Leticia Magali Sanabria producido sobre o 10 de setembro deste ano . Así mesmo, segundo os datos do IGE, durante o 1º semestre de 2021 a Atención polo Punto de Coordinación das Ordes de Protección abordou o seguimento de 536 novos expedientes e foron comunicadas máis de 500 medidas de protección. Así mesmo, diversos colectivos denunciaron recentemente o incremento da violencia obstétrica por mor das dificultades de acceso aos servizos durante a pandemia, así como a permanencia da vulneración de dereitos como o acceso a un aborto digno e gratuíto no sistema público de saúde”.

Ademais, asegura que nos últimos anos Galicia “é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, e de importantes mobilizacións, como amosa a cada vez maior resposta aos feminicidios, en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo. Estes feitos dan conta da fartura social e do gran rexeitamento á violencia machista da sociedade galega, como tamén reflicten os datos da enquisa sobre percepción da violencia de xénero por parte da sociedade galega, que sinala como o 80% da sociedade entende que este é un problema social que atinxe a todas as persoas e non se circunscribe ao ámbito privado”.

Neste senso, Vilasánchez pide na súa moción que o pleno barquense demande “á Xunta o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2022” e tamén “o reforzo e ampliación da rede de Centros de Información ás Mulleres para garantir a cobertura do conxunto do territorio especialmente aquelas comarcas que actualmente carecen deste servizo así como a dotación dos medios humanos e materiais necesarios para reforzar o cadro de persoal daqueles CIM que asumen unha maior carga de traballo. Para tal fin, a Xunta de Galiza elaborará e remitirá á Cámara galega e á FEGAMP antes de finalizar o presente ano un Plan específico debidamente orzado e coa correspondente planificación temporal para levalo a cabo”.

Por outra banda, o concelleiro do BNG tamén defenderá no pleno de novembro unha moción pedindo que o Concello do Barco de Valdeorras se adhira á Iniciativa Xabarín do Parlamento de Galicia (PNP-001472) e outra relativa á “determinación nas ondas de frío da temperatura mínima marco ou de disparo, por comarcas ou rexións climaticamente”.

No texto desta última iniciativa, Vilasánchez apunta que “está demostrado por diversos estudos e análises estatísticos a relación das ondas de frío e calor co incremento de mortalidade, e agora xa tamén demostrada a eficacia dos plans de actuación ante as vagas de calor”. Neste senso pide, na súa moción que o Concello do Barco inste á Xunta “á determinación por comarcas, ou rexións isoclimáticas nas provincias galegas, da temperatura mínima marco ou de disparo nas ondas de frío, informándolles da existencia de estudos previos que xa teñen cuantificado eses datos para capitais de provincia e concellos de máis de 10.000 habitantes como o realizado por investigadores do Instituto de Saúde Carlos III”.

Así mesmo, a iniciativa solicita que o Concello do Barco demande da Xunta “a implementación dun plan de actuación para as ondas de frío similar ao desenvolvido para as vagas de calor, que podería incluír a posibilidade de ofertar lugares acondicionados para pasar as ondas de frío, ou inclúa o apoio económico para manter unha axeitada temperatura no fogar nesas datas, o apoio institucional a persoas especialmente sensibles e a concienciación social deste problema”.

Artigos relacionados

Back to top button