ConcellosO Barco

O BNG pedirá no pleno do Barco recuperar os servizos sanitarios perdidos no Hospital de Valdeorras

O concelleiro nacionalista Jesús Vilasánchez vén de presentar unha moción nesa liña e na que tamén se pide o respaldo do Concello á manifestación en defensa deste centro

Publicidade
Exterior do Hospital Público de Valdeorras.

 

O BNG do Barco levará ao vindeiro pleno municipal a situación no Hospital Público de Valdeorras. O seu concelleiro Jesús Vilasánchez vén de presentar unha extensa moción para a “Recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía” este centro hospitalario, así como “dos cadros de persoal e de Atención Primaria e das melloras estruturais e materiais de traballo”.

No texto da iniciativa, Vilasánchez comeza indicando as características xeográficas e poboacionais do Distrito  Sanitario de Valdeorras, con “32.000 persoas espalladas por 1.685 Km cadrados. Todos estes concellos teñen o seu respectivo centro de saúde, e todos xuntos tiñamos un pequeno pero eficaz e resolutivo Hospital Comarcal de referencia, situado no concello do Barco de Valdeorras. No ano 2011, hai unha década, figuraban como cadro básico de persoal do por aquel entón Hospital Comarcal de Valdeorras (HCV), 401 traballadores/as. Mais á parte estaban contratadas de modo permanente 9 profesionais por riba de cadro básico e tamén contaba con empresas concertadas como as de limpeza e seguridade. Os cadros básicos de persoal eran públicos e coñecidos por todos, e podían atoparse no Diario Oficial de Galicia”.

Dese cadro de persoal, Vilasánchez matiza que 272 eran persoal sanitario asistencial e de admisión, e deses: “62 eran facultativos: médicos, farmacéuticas, psicóloga, etc. e existían prazas
de xefaturas e postos directivos de: Dirección Xerencia, Dirección de Enfermaría e Dirección de Xestión. Xefes de servizo en Medicina Interna e en Cirurxía xeral, Prazas de coordinador de: Admisión e de Urxencias. Xefaturas de sección en: Medicina interna, Radioloxía, Pediatría, Anestesia e reanimación, Urxencias”. E resalta que o HCV era pois un “ente autónomo dentro do que era un sistema público de saúde, con obxectivos comúns a todo o sistema, e obxectivos individuais segundo as patoloxías prevalentes e necesidades da por aquel entón Área Sanitaria de Valdeorras”.

Cando aínda existia a área valdeorresa, o Hospital do Barco “tiña de seu servizos como: anatomía patolóxica, anestesia e reanimación, aparello dixestivo (colonoscopias e gastroscopias), cirurxía xeral e dixestiva, cirurxía maior ambulatoria (CMA), cirurxía ortopédica e traumatoloxía (COT), coidados paliativos, hospitalización a domicilio (HADO), dermatoloxía, xinecoloxía, obstetricia, hematoloxía, medicina interna, medicina preventiva, oftalmoloxía, pediatría, psiquiatría, psicoloxía, uroloxía, cardioloxía, radioloxía, rehabilitación, urxencias, farmacia hospitalaria, unidade da dor, unidade básica de orientación familiar (UBOF ,servizo de atención primaria dentro do HCV), hospital de día oncolóxico, enfermaría xeral, enfermaría obstétrica, fisioterapia. Laboratorios de análises clínicas,
anatomía patolóxica, hematoloxía, microbioloxía, banco de sangue/depósito de sangue, e por suposto a dotación de técnicos especialistas, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría, e celadores para dar cobertura a toda esa carteira de servizos”.

Ademais, prosegue Vilasánchez “tiñamos tamén un servizo de admisión propio, para xestionar
nós a nosa lista de espera, cociñas, mantemento e administración co seu persoal, e até a xerencia de Ramón Ares, lavandaría e lencería propias, tamén había concertados a limpeza, a seguridade e a
cafetaría. E en cadro de persoal estaba tamén un cura católico”.

A partir de aí, o concelleiro nacionalista explica como, paulatinamente, o centro sanitario comezou a perder os seus servizos “a partir da creación das EOXI (estruturas organizativas de xestión integrada),
creadas polo Decreto 168/2010, do 7 de outubro, que eran instrumentos de organización do Sistema Sanitario que integraban e xestionaban de maneira unitaria tódolos recursos sanitarios do seu ámbito territorial”. E, “de pronto todo se centrou en Ourense: se había que recortar recortábase en Valdeorras, se facían falta especialistas sacábanselle a Valdeorras e levábanse para outros hospitais; e Valdeorras comezou a perder servizos”, prosegue.

Vilasánchez continúa indicando que “a cousa seguiu empeorando”e que hoxe “o noso hospital, claramente foi baleirado dos seus recursos de auto-organización, o que condiciona que toda a súa actividade asistencial sexa organizada desde fóra e en base a intereses alleos. Pero aínda é peor, pois existe un ocultismo extremo: a negativa a entregar o cadro de persoal ás centrais sindicais ou á Xunta de Persoal do Distrito Sanitario”.

O edil nacionalista cualifica a situación do centro hospitalario de “desastrosa, basta con ver como servizos clínicos que antes tiñan 4 profesionais como por exemplo cirurxía xeral (até 5 chegou a ter no ano 1997) hoxe fican reducidos a 1 só profesional ao que lle teñen que vir a dar apoio dende Ourense; ou servizos como traumatoloxía que de 3 facultativos especialistas fica con só 1 que tamén precisa apoio dende Ourense. Ou darse conta que servizos como o de uroloxía e cardioloxía que tiñan praza orzamentada no HPV fican sen nada e téñense que desprazar médicos dende Ourense a pasar consulta e facer intervencións “menores”, ou que o servizo de dermatoloxía fica desaparecido.
Os facultativos de medicina preventiva ou de admisións tamén desapareceron do HPV. O servizo de rehabilitación tamén fica sen facultativos de seu e teñen que vir doutros lugares de cando en vez a
ver os pacientes, xerando con isto listas de agarda inasumibles. O servizo de xinecoloxía e obstetricia tampouco está completo. O Servizo de radioloxía reduciuse a 2 profesionais unha deles exenta de gardas…”.

 

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, nunha sesión plenaria./ Foto: A.R.

 

O HPV, resalta Vilasánchez, “está deixando de ser un hospital para converterse nun centro de especialidades, onde os especialistas veñen a pasar consulta e marchan. Vai camiño de ser un ambulatorio con camas de crónicos e xeriatría”. E a isto “uniuse nos últimos tempos a imposibilidade de asegurar a capacidade dun traslado urxente do paciente grave cara o hospital de Ourense, dada a inexistencia de dotación axeitada de facultativos para realizar un traslado medicalizado.

Por iso, o concelleiro do BNG propón ao pleno o seguinte acordo: que “o Concello do Barco manifeste o seu apoio aos diversos actos e manifestacións que respectando a legalidade vixente sexan promovidos polas organizacións sindicais ou cidadanía da comarca na procura da fundamental recuperación dos perdidos servizos sanitarios que posuía o Hospital Público de Valdeorras e dos cadros de persoal de atención primaria, así como as melloras estruturais dos centros e materiais de traballo”.

Tamén se pide na moción nacionalista que “o Concello do Barco solicitará a visita institucional inmediata, tanto do Xerente de Área de Ourense como do propio Conselleiro de Sanidade,
para que dean explicacións sobre o presente e o futuro a curto e a medio prazo da sanidade na comarca”, ademais de instar á Consellería de Sanidade á creación no Distrito Sanitario de Valdeorras dunha base do 061 con ambulancia asistencial de soporte vital avanzado, encadrada dentro da Rede de Transporte Sanitario Urxente de Galicia (RTSUG-061)”.

Artigos relacionados

Back to top button