PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá no pleno poñerlle o nome de Nemesio Barxa á biblioteca de Viana e aceptar a súa doazón de libros

 

O grupo municipal do BNG de Viana do Bolo vén de presentar unha moción para o vindeiro pleno sobre a doazón da biblioteca de Nemesio Barxa e pedindo ademais que se lle poña o nome deste vianés á biblioteca municipal. No texto da proposición, o concelleiro Secundino Fernández sinala que “Nemesio Barxa naceu en Caldesiños o 16 de febreiro do 1935. Nemesio é fillo de mestres que nesa época estaban destinado en Viana do Bolo, viviu uns seis anos en Caldesiños até que os seus pais conseguiron praza en Ourense. A pesares da súa breve estancia en Viana sempre tivo a moita honra nacer en Caldesiños e sempre deixa ben patente a súa filiación vianesa”.

Así mesmo repasa a súa traxectoria, apuntando que é “licenciado en dereito pola Universidade de Salamanca e como Graduado Social na Universidade de Santiago de Compostela. Membro fundador do Consello da Avogacía Galega, tamén pertence á Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación. Foi co fundador da Agrupación Cultural Auriense (1968). É Presidente da Irmandade de Viños Galegos. Foi escollido como candidato ao Tribunal Constitucional polo Parlamento Galego en 2008. En definitiva grande experto en dereito e grande loitador pola cultura e o idioma galego, grande loitador por Galiza. Dende pequeno foi un grande amante da lectura e os libros, supoño que influído polos seus pais. Este amor deu como lugar que na súa vida acumulara máis de 7000 volumes e multitude de revistas literarias”.

Fernando explica tamén na moción que Barxa, “como Vianés orgulloso de selo” ofreceulle ao Concello a doazón da súa biblioteca, algo que foi aceptado nun acordo tomado en pleno por unanimidade: “Aceptar a doazón de balde da Biblioteca persoal de Nemesio Barxa, aproximadamente 5500 volumes e as colección de revistas, nas condicións marcadas por el mesmo; é dicir sería recibida polo concello de Viana do Bolo unha vez falecido o doador”.

Así mesmo, o concelleiro do BNG, Secundino Fernández amosa no texto a súa sorpresa porque  “o Sr. Nemesio pretendía entregar 2500 libros e non tivo resposta” do Concello. Nese senso, presenta esta iniciativa na que se pide á Corporación municipal tomar os seguinte acordos “aceptar de novo a doazón da Biblioteca do sr Nemesio Barxa, segundo os acordos establecidos no pleno do 16 de novembro do 2017, establecer contacto urxente con el e pór o nome de Nemesio Barxa a biblioteca de Viana do Bolo como homenaxe e acto de agradecemento a este insigne vianés, exemplo de amor a súa terra de nacemento”.

Foto cedida.

Artigos relacionados

Back to top button