PolíticaÚltima hora

O BNG pedirá que se garanta servizo de ambulancia UCI os 365 días no Hospital do Barco

A deputada nacionalista María Albert vén de presentar no Parlamento galego unha batería de iniciativas reclamando melloras no centro hospitalario valdeorrés

A deputada nacionalista María G. Albert, xunto a unha das ambulancias no exterio do Hospital do Barco./ Cedida.

 

A deputada valdeorresa do BNG no Parlamento galego, María G. Albert, vén de anunciar que presentará nesta Cámara unha batería de iniciativas para demandar que que a Xunta de Galicia “poña en marcha medidas estruturais para garantir a atención asistencial no Hospital Público de Valdeorras (HPV) ante a merma e o deterioro continuado de servizos do que a falta de ambulancias UCI so é o último dunha secuencia continuada de agravios”.

Para María Albert “a falta de ambulancia UCI durante 11 días de xullo, e aínda non sabemos cantos de agosto, é un feito gravísimo e imperdoábel cando o centro de referencia está a 120 km en Ourense, o que está a levar a que os desprazamentos que teñan que ser urxentes se están a resolver, no mellor dos casos, nun tempo de 4 horas”.

O BNG recalca que a “Xunta non se pode agachar tras a falta de persoal para tentar eludir a súa responsabilidade directa na xestión dos recursos sanitarios de Galiza ante o que é unha nova burla aos dereitos da cidadanía de Valdeorras a acceder a unha sanidade gratuíta, pública e universal”.

Neste senso, a iniciativa presentada polo BNG na Cámara galega vai nun triple sentido e pide á Xunta que “tome as medidas estruturais precisas para garantir o servizo de UCI Móbil no Hospital Público de Valdeorras os 365 días do ano”, que “solucione de forma urxente a falta de médicos de radiodiagnóstico no HPV” e que garanta “a recuperación dos servizos hoxe pechados no HPV e que supoñen unha merma significativa da calidade asistencial na comarca de Valdeorras, agravadas pola falta de alternativas de transporte público a Ourense”.

Artigos relacionados

Back to top button