
O grupo parlamentario do BNG no Parlamento de Galicia vén de presentar unha proposición non de lei para o seu debate en pleno na que se pide que esta cámara inste á Xunta de Galicia á posta en marcha “dun xeito inmediato unha campaña de control das condicións de traballo e de cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais no sector da industria da pedra e do mármore: explotacións mineiras de diferentes tipos de pedra (lousa, granito, etc); e empresas de tratamento e fabricación”.
Ademais solicítase que o Sergas constitúa “unha unidade especializada na diagnose e tratamento desta enfermidade, localizada na área sanitaria de Valdeorras, e que sirva de centro de referencia para toda Galiza”.
Na iniciativa, presentada polas deputadas María González Albert e Montserrat Prado Cores e polos deputados Ramón Fernández Alfonzo e Daniel Pérez López, refléxanse e valóranse os datos do “Instituto Nacional de Silicosis” do ano 2020 e indícase que “con estes datos enriba da mesa resulta inxustificábel que, por exemplo, o Hospital Público de referencia dunha das zonas máis afectadas polas enfermidades da industria da pedra, como é o oriente ourensán, non dispoña, nin sequera, dun servizo de neumoloxía básico para atender estas enfermidades prevalentes”.