O grupo municipal do BNG no Barco, a través do seu concelleiro Suso Vilasánchez, vén de presentar unha moción para o seu debate no vindeiro pleno do 1 de setembro na que pide que o Concello do Barco elabore “un listado de propietarios e representantes de montes veciñais en man común afectados polos lume dos incendios deste mes de xullo, con perdas que non estean incluídas nas axudas do decreto 130/2022 ou nas da declaración de zona catastrófica, e implementará para ofrecerlles unha liña de subvencións proporcionais ao terreo afectado para a súa limpeza, retirada de madeira queimada e reforestación con frondosas de crecemento lento cunha contía mínima total de 117 000 euros”.
Na moción o edil tamén expresa a “nosa solidariedade cos afectados e afectadas polos incendios, e o noso agradecemento a tódolos que se enfrontaron a eles: profesionais ou veciños, cuestión esta que entendemos común a tódolos grupos municipais”.
Así mesmo Vilasánchez apunta que “no último megaincendio de 2022, arderon aproximadamente 3000 ha. do concello do Barco, o que vén ser nun só incendio máis de tres veces a superficie queimada na década 2001-2010 no noso concello”. O edil entende que se precisa un cambio total de política forestal e antiincendios e incide en que “está claro que isto é unha moción para solicitar acordos de actuación no Concello do Barco polo propio Concello do Barco, en materia de prevención de incendios e de crear bioeconomía, é dicir: beneficios directos da produción agrogandeira, turísticos, paisaxísticos, da defensa da biodiversidade, da defensa ante a erosión, e da defensa ante a contaminación fluvial”.