PolíticaÚltima hora

O BNG pregunta no Parlamento pola nova ponte en Xares (A Veiga)

Asegura que a construción "ten levantado alarma pola súa afectación a diversos bens patrimoniais e arqueolóxicos" e forma parte dun proxecto maior que consta de 4 pasos sobre o río

As obras sobre o río Xares no municipio da Veiga.

 

A construción da nova ponte sobre o río Xares, que une a aldea do mesmo nome (no concello da Veiga) coa súa igrexa, ten levantado a alarma pola súa afectación a diversos bens patrimoniais e arqueolóxicos (“A Eirexa” (GA32083021) ten grao de protección integral e cautela G-II). Así o entenden dende o Bloque Nacionalista Galego que plantexa á Xunta unha serie de cuestións sobre este tema. A principal é saber “se o concello da Veiga obtivo os permisos precisos para a execución destas obras (nomeadamente os das Direccións Xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza)?”, aínda que preocupan outros temas como se as obras que se están a realizar “se axustan ao proxecto aprobado inicialmente”.

A parlamentaria María G. Albert, que visitou as obras para ver de primeira man o alcace das mesmas, destaca que sen entrar a valorar a necesidade dun novo paso para vehículos sobre o Xares a escasos metros do que xa existe, “a solución escollida semella ter unha enorme afección sobre o patrimonio e a contorna natural” sobre todo se se ten en conta que “o que en principio se pretendía era substituír o pontón peonil preexistente na zona”. Agora este pontón é substituído por unha ponte de moita máis dimensión tanto en lonxitude como en anchura que, ademais, “supuxo xa o destrozo do muro perimetral que acolle o adro da propia igrexa”.

 

Obras da ponte entre o pobo de Xares (A Veiga) coa súa igrexa.

 

Lembra Albert que a lei 5/2016, do 4 de Maio, do Patrimonio Cultural de Galiza, ten por obxectivo fundamental a protección do patrimonio galego; “principio básico que este Proxecto de Acondicionamento e Mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga non semella cumprir”, di, explicando que o proxecto nace dun convenio entre Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Ourense e Concello da Veiga no que cada unha das tres administracións asume uns compromisos e obrigas nos pagamentos e execución dos distintos tramos do devandito proxecto.

“Varias cousas chaman a atención no proxecto de obra, principiando porque o estudo de avaliación ambiental estima máis lesivo e custoso para o medio o arranxo das pontes e pontóns hoxe existentes que a construción doutros novos, con novos trazados e máis lesivos para a contorna como resultan a simple vista as solucións finais adoptadas: a realización de 4 obras que afectan a distintos elementos patrimoniais -ata un total de 10 incluíndo edificios relixiosos, núcleos de interese etnográfico, castros, mámoas e rectorais”.

 

A parlamentaria do BNG María G. Albert visitando as obras.

 

A deputada explica que as alarmas saltaron co inicio destas obras despois de que a primeira empresa adxudicataria renunciase ás mesmas por imposibilidade técnica de levalas a cabo e se fixese un modificado que derivou nunha nova licitación. “Na contorna desa igrexa a empresa adxudicataria da obra levantou uns piares de formigón e unha estrutura do mesmo material para dar corpo a unha ponte que substituirá e ampliará de xeito consideráble o pontón existente até este momento até desembocar directamente no adro do templo co evidente impacto patrimonial que isto supón”. Ademais, os núcleos afectados inclúense dentro do catálogo da Rede Natura 2000 incluíndo especificamente unha Zona de Especial Conservación (ZEC) así como dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), “o que invitaría a ser o máis cautelosos e rigorosos posíbel nun proxecto da envergadura e o impacto do que aquí nos ocupa”.

Neste sentido os nacionalistas reclaman á Xunta de Galiza que “tome as medidas pertinentes para que as obras de execución do proxecto se axusten á lexislación vixente en materia patrimonial e ambiental, en caso de non ser así, impoñer as sancións pertinentes”.

Artigos relacionados

Back to top button