PolíticaÚltima horaVídeos

O BNG presenta no Barco de Valdeorras a súa campaña contra a crise de prezos

O programa inclúe unha serie de medidas alternativas que culminará cunha manifestación o 18 de decembro en Santiago de Compostela

Rolda de prensa do BNG Valdeorras.

 

Factura da luz, espolio dos recursos galegos, suba dos prezos, hipotecas, dependencia, combustibles,… Son algúns dos sectores máis afectados pola crise de prezos ante a cal o BNG está presentando o seu programa con alternativas. “É unha campaña que rematará o 18 de decembro en Santiago cunha gran manifestación que xa temos convocada. Por cada comarca iremos repartindo cartelería e dípticos ademais de ter reunións con diferentes colectivos para explicarlles o que é a campaña en si e convidalos a que nos acompañen en Santiago”, explicaba o responsable comarcal do BNG, Roberto Quiroga na rolda de prensa dada na mañá deste venres 18 de novembro, acompañado polo portavoz municipal do BNG no Concello do Barco, Suso Vilasánchez; e a deputada do BNG no Parlamento de Galicia e portavoz da formación no Concello da Rúa, María Albert.

Na  súa intervención, Vilasánchez fixo fincapé na situación de crise e inflación que a xente está sufrindo a nivel de concellos. “Por poñer un exemplo, no Concello do Barco e segundo a prensa 143 familias dependen de Cáritas, é dicir que 431 persoas necesitan axuda para poder sobrevivir, datos que se van incrementando e as ONGs tamén se queixan de que a xente non axuda porque non ten. Ante situacións coma esta organizacións políticas como é o BNG estamos para defender á xente”, dixo, poñendo o acento no caso concreto da suba do combustible. “Temos que pararnos a pensar nas persoas”, incidiu, explicando que estamos ás portas do inverno e “as mortes por ondas de frío son moito máis numerosas que as mortes por ondas de calor e o gran problema é que son mortes diferidas, enfermas hoxe e morres despois, polo que non se relacionan e non hai ningún plan por parte da Xunta para actuar en favor da xente maior do rural que esta soa, nunha condicións de vida moi duras e esta é unha das cousas polas que imos actuar sobre os prezos”, concluía.

 

 

Da situación a nivel xeral, así como das medidas propostas polo BNG falaba a deputada no Parlamento, destacando os últimos datos oficiais publicados polo INE segundo os cales produtos básicos como o pan, o leite, a carne, os cereais, o peixe ou as verduras e hortalizas frescas incrementaron o seu prezo o 12,4%, mais tamén o custe da vivenda (+29%) e do transporte (+11%) son hoxe máis caros o que empeora aínda máis as condicións de vida da poboación. Tamén destaca a desbocada suba da electricidade e dos combustibles, por non falar da “devaluación salarial que afecta máis a quen menos ten”.

“Nesta crise de prezos hai quen gaña, e moito, e mentres as maiorías sociais nos empobrecemos, as grandes empresas non deixan de ver como os seus beneficios aumentan”, aseguran dende o BNG recoñecendo que “esta escalada de prezos xeneralizada empobrece Galiza e amosa o prexudicial que é para nós carecer de soberanía e, por tanto, de capacidade para nos defendermos fronte a esta crise”.

 

Roberto Quiroga, María Albert e Suso Vilasánchez.

 

Ante esta situación “insoportable” o BNG presenta as súas propostas “urxentes”  para “impulsar un cambio estrutural na nosa economía, mais tamén para actuar con urxencia para que non paque esta crise quen menos ten” distribuídas en varios puntos. Que pague máis quen máis ten, incrementando a presión fiscal sobre as grandes empresas e patrimonios e persecución da fraude fiscal; rescatar ás persoas, incrementando as contías das principais prestacións sociais como as axudas de violencia machista, a RISGA ou o Ingreso Mínimo Vital. Incrementar as pensións e os salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual; promover o fin da guerra na Ucraína poñendo fin á escalada militar a través do diálogo e a apertura de vías diplomáticas, así como freando o gasto en armamento nos Orzamentos Xerais do Estado; a restitución inmediata da tarxeta básica como medida de urxencia para a compra de alimentos e produtos básicos para as persoas en risco de exclusión social; suspender os desafiuzamentos ata o 31/12/2023 (prorrogábel) e prohibir por lei permanente do corte dos subministros de luz, auga e gas; limitar o prezo dos alugueres e das hipotecas en vivenda habitual para os anos 2023 e 2024, así como para os locais comerciais ao2% anual; a intervención pública no sector eléctrico para controlar os prezos e recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega que reduza o custe da electricidade para empresas e fogares; protexer o tecido empresarial e produtivo galego, especialmente no sector agro-gandeiro, marítimo-pesqueiro e no comercio de proximidade; implementar medidas transversais para paliar o impacto desta crise sobre as mulleres e a mocidade.

 

 

Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver.

 

Artigos relacionados

Back to top button