PolíticaÚltima hora

O BNG presenta unha proposición non de lei no Parlamento galego sobre a auditoría feita no Centro de Saúde de Viana

Centro de Saúde de Viana do Bolo.

 

O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar no Parlamento galego, a iniciativa das deputadas Noa Presas Bergantiños, Iria Carreira Pazos, María G. Albert; unha proposición non de lei relativa á “información e conclusións obtidas da auditoría ou avaliación do Centro de Saúde de Viana do Bolo realizada en abril de 2020 e ás actuacións que vai levar a Xunta” para o seu debate na Comisión 5ª da Cámara galega.

Na exposición de motivos da proposición as deputadas nacionalistas sinalan que o BNG tivo coñecemento de que “após numerosas incidencias, queixas e denuncias sindicais respecto de deficiencias de funcionamento, materiais e dispositivos, así como estruturais e de limpeza no PAC de Viana do Bolo, foi realizada unha auditoría ou avaliación de dito centro de saúde e PAC. Dita inspección realizouse o pasado 20 de abril de 2020, hai máis dun ano”.

Tamén indican que as conclusións da mesma aínda se descoñecen. “Este Grupo Parlamentario tivo coñecemento de que foron solicitadas, ademais de nas reunións ordinarias da Xunta de Persoal coa Xerencia e Dirección de Distrito, e nas reunións do Comité de Saúde Laboral coa Xerencia e Dirección de distrito e a través de diversos correos tamén ate en tres ocasións por rexistro escrito”.

As deputadas do BNG consideran que esta situación “está a obstaculizar o dereito colectivo das e dos traballadores de coñecer os resultados de dito procedemento” e, ademais, “por extensión, estase a furtar un dereito á cidadanía, pois de terse detectado algunha deficiencia en dita auditoría debera ser corrixida”. E matizan que esta situación dase ademais nun “contexto absolutamente excepcional marcado pola pandemia”.

Na proposición tamén se indica que “a crise da Covid-19 demostrou que foi a sanidade pública a grande defensa fronte á pandemia mais tamén deixou en evidencia as nefastas consecuencias dos recortes e as privatizacións aplicadas polo Partido Popular”.

A proposición non de lei finaliza instando “á Xunta de Galicia a emitir de forma inmediata ao Parlamento Galego e aos representantes das e dos traballadores os resultados detallados do procedemento de avaliación ou auditoría realizado o 20 de abril de 2020 no PAC de Viana do Bolo, así como unha explicación razoada dos motivos da demora e das responsabilidades asumidas polo cargo, cargos ou organismos responsábeis de tal situación.”

Artigos relacionados

Back to top button