Co 94,80% escrutado en Ourense, o BNG vén de lograr un resultado histórico na provincia con ata tres deputados no Parlamento galego. Un deles é a valdeorresa María G. Albert que concorría por vez primeira nunha autonómicas. Xunto a ela repite a cabeza de lista, Noa Presas, e incorpórase tamén Iago Tabarés.
“Dende o BNG temos unha sensación agridoce neste momento porque, por unha banda, mantense unha maioría absoluta do PP, que nos cremos que era o peor que lle podía pasar a este país diante das decisións que veñen a partir do 13 de xullo nunha crise económica nacida do coronavirus. Pero tamén por outra banda, a ninguén se lle escapa que o nacionalismo galego ten un resultado histórico na noite de hoxe, máis que triplicando o seu resultado de hai catro anos e iso vai ser a garantía tamén en positivo para todas as persoas que nos apoiaron e para todas as persoas que querían un cambio político”, destacaba Noa Presas en declaracións ao Periódico O Sil, nos momentos finais do escrutinio.
Presas incidía en que o BNG traballará na nova lexislatura para que “todo o que veña a partir do 13 de xullo sexa o menos negativo posible para as maiorías deste país”. E engadía que “unha conclusión positiva que sacamos é que hai unha maioría progresista que ve no BNG nunha forza sen ataduras e co compromiso exclusivo con Galicia no lugar de cos seus xefes en Madrid. Ve no BNG a referencia para liderar dentro de catro anos un cambio e dende logo empezamos xa a batalla por conseguilo no día de hoxe ás 00h”.
“María Albert é unha gran incorporación ao Parlamento galego”
Noa Presas resaltaba así mesmo o feito que o terceiro escano do BNG por Ourense fixese posible ter, por vez primeira, unha deputada nacionalista valdeorresa no Hórreo. “A estas horas podemos dar xa como seguro, aínda que con todas as cautelas do voto emigrante e do escrutinio final, esa gran incorporación que vai ser María Albert ao Parlamento. É unha persoa coñecida pola súa seriedade, pola súa solvencia, pola súa capacidade de traballo colectivo e que eu estou convencida de que vai ser un antes e un despois en escoitar á comarca de Valdeorras, e que ademais coa súa experiencia municipal vai enriquecer moito todo o traballo que poidamos facer no grupo parlamentar”.
Fotos: Carlos G. Hervella.