PolíticaÚltima hora

O BNG urxe á Xunta no Parlamento galego a arranxar de inmediato os accesos a San Vicente de Leira (Vilamartín)

A deputada valdeorresa María Albert denuncia a situación de incomunicación do núcleo poboacional

María Albert, deputada valdeorresa do BNG no Parlamento galego./ Cedida.

 

O BNG urxe á Consellería de Infraestruturas a resolver a situación de incomunicación dos e das habitantes de San Vicente de Leira, núcleo de Vilamartín de Valdeorras. “O aillamento viuse incrementado, tras 30 anos de desgaste dos accesos, coa caída da estrada OU-807 neste 2022”, sinala a deputada valdeorresa no Parlamento galego María González Albert, que instou á Xunta a actuar con carácter de urxencia para que colabore co concello de Vilamartín de Valdeorras “para mellorar a seguridade viaria da estrada e o arranxo da ponte sobre o regato Pereanes, garantindo así o acceso á xente da parroquia ás súas casas e servizos públicos”. Albert denunciou que este grave problema “foi traído ao longo dos anos a este Parlamento, cada vez en condicións de maior gravidade e todas e cada unha desas veces sen solucións por parte do Goberno do PP”.

Así mesmo aseguraba que “o último dos agravios á xente de San Vicente de Leira ocorreu este 2022, cun desprendemento que afectou á balsa “ilegal” de residuos da canteira sobre o regato Pereanes, que rebordou e tamén provocou danos na estrada alternativa que as veciñas e veciños empregan para desprazarse. O único feito polo Goberno do PP”, detallou a deputada por Ourense, “foron os traballos de urxencia, desde entón ata hoxe é a nada máis absoluta”.

A parlamentaria nacionalista fixo unha compilación dos últimos 30 anos “de descomposición dos accesos á parroquia, que comezou coa instalación dunha mina de lousa, a canteira San Vicente, en 1983. Dez anos máis tarde esta canteira realizou traballos moito máis intensivos”, describiu, e “comezaron suceder desprendementos, peches de actividade, informes negativos… todo ante a mirada atónita da veciñanza e a inacción do PP”, indicaba. Hoxe, o único acceso “é o pontón que atravesa o regato, e coa chegada do outono e as riadas a veciñanza da parroquia está alertada ante a máis que probábel posibilidade de ficar totalmente illada”, engadía.

A pesar disto, concluía “o PP non cambiou o seu voto negativo a esta proposta do BNG para garantir a comunicación de San Vicente de Leira”.

Artigos relacionados

Back to top button