PolíticaÚltima horaVídeos

O BNG Valdeorras homenaxea en Córgomo a Florencio “unha vida ao servizo de Galiza”

O activismo político e cultural do poeta valdeorrés era analizado nun acto previo á conmemoración do 25 de xullo 'Día da Patria Galega'

Publicidade

 

Enmarcado na celebración da campaña de cara o 25 de xullo, o BNG Valdeorras celebraba na tardiña do xoves 14 de xullo un acto en homenaxe a Florencio Delgado Gurriarán “un exemplo de compromiso coa súa aldea, coa súa comarca e con Galiza”.

Ese exemplo de compromiso, “de activismo político e cultural” foi un dos motivos que levou á Real Academia Galega a dedicarlle as Letras Galegas de 2022 ao poeta de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) e tamén a faciana que o Bloque Nacionalista Galego destacaba no acto celebrado na súa aldea natal.

Nun primeiro momento, o acto estaba previsto ao aire libre, na Aira da Cruz (na placa a Leopoldo Quiroga), pero a tormenta que descargaba a esa hora sobre Valdeorras obrigaba a trasladalo á casa do pobo. E alí, diante de amigos, simpatizantes e familiares, era a música tradicional de Abertal con Manolo Durán á cabeza, a que abría e pechaba o evento. Un evento presentado por Manuel Agra, profesor xubilado do IES Martaguisela do Barco que contou coa asistencia da concelleira do BNG na Rúa e deputada no Parlamento Galego, María González Albert “quen defende con afouteza -como facía Florencio- os intereses, case sempre esquecidos, de Valdeorras”; e de Emilio Vega Rodríguez “grande lector e activista cultural e social”, con orixes en Valdeorras, intenso colaborador da Comisión de Recuperación da Memoria Histórica da Coruña e membro de ‘Valdeorras Infinda’, colectivo que organiza actividades para poñer en valor a comarca e a súa cultura.

 

Manuel Agra, Emilio Vega e María G. Albert no acto de Córgomo.

 

Aínda que era Emilio Vega quen se achegaba ata Córgomo para falar sobre a ideoloxía de Florencio, Agra quixo xustificar a importancia de ter en conta o pensamento de Florencio, asegurando que á hora de facer afirmacións sobre a ideoloxía de Florencio “chega con ler os seus poemas”. Se o facemos, ben podemos imaxinar por onde vai o pensamento do autor de Córgomo: membro do Partido Galeguista, amigo de Castelao, con poemas dedicados a Alexandre Bóveda, exiliado en México por culpa do réxime fascista de Franco, defensor contundente da lingua galega… “A ideoloxía de Florencio está nos seus versos”, dixo o presentador, manifestando o seu desexo: “Se o exemplo e compromiso, a súa maneira de pensar, mereceu a homenaxe das Letras Galegas deste 2022, fagámoslle caso a Florencio. Seguro que lle irá mellor a Valdeorras e a Galiza”.

Na súa disertación, a idea do convidado de honra ao acto de Córgomo, Emilio Vega Rodríguez, era dismitificar a figura de Florencio, a literaria e a política, facendo unha lectura “sintomática, non académica”. Unha lectura política dialéctica, afirmando en primeira instancia que FDG “utiliza o quefacer poético como instrumento de intervención política”. A partir de aí, este lector natural da Coruña con orixes en Valdeorras, con gran capacidade de análise, dividiu a súa intervención en varios bloques. O primeiro sobre o Florencio poeta, destacando a súa obra dun forte “imaxinismo simbolista e impresionista”, como un poeta que considera a lingua esencia fundamental da Patria polo que os seus “non son poemas ‘socialisguisticos’ senón directamente políticos”.

Como intelectual orgánico do PG, “Florencio é Nacionalista no sentido forte do termo”, dixo Vega, destacando que a poesía e vida de FDG é articular a organización e conciencia do pobo galego cara o obxectivo de constituír Galiza como nazón autodeterminada, tal como expresou Castelao a través do Consello de Galiza. “A súa función peculiar é a de comunicar unha emoción; non transmitir un pensamento, senón deixar na sensibilidade do leitor unha sorte de vibración que corresponda ó que sinte o poeta. A identificación de FDG co poema é total: Patria, democracia, esperanza e liberdade nacional”.

 

Emilio Vega durante a conferencia.

 

Na súa conferencia Vega asegura que Florencio é un patriota idealista. “Para el Galiza é un ente abstracto, xeneralizado na súa definición, sen definición conceptual”. Nese sentido o carácter patriótico da súa poesía vai ligado á historia da práctica política do PG. O idealismo culturalista en Bebedeira; poesía de combate político cos poemas da Guerra escritos para Nueva Galicia; idealismo retornado, máis mesurado e máis ligado á terra en Galicia Infinda,… Un idealismo patriótico que, desaparecido o Guieiro, rematada a dictadura coa continuísta monarquía “apóiase nun renacido máis morto que vivo PG de Pousa Antelo cunha forte protesta pola súa disolución na Coalición Galega”.

En México, onde estivo exiliado, Florencio “intervén no debate que se estaba a desenvolver entre a cultura hispánica e a cultura indixinista na búsqueda dun concepto nacional mexicano”, en palabras de Emilio Vega, ata o punto de que a súa intervención poética parte dunha non asimilación colonial. “Un nacionalismo galego comprometido coa lingua, a cultura e a nación asoballada pola cultura hispano-occidental non podía menos que sentirse identificado e sumerxirse na cultura mexicana, sen abandoar a cultura propia”.

Tocando lixeiramente a cuestión do machismo “que rezuman certos poemas de FDG”, Vega Rodríguez remataba o seu discurso destacando que “realmente Florencio non cambia o seu ideario poético do simbolismo patriótico. Mesmo a súa poesía segue a estar alonxada da realidade social e política mexicana, como estaba da galega”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button