En portadaGalerías de fotosÚltima horaVídeos

O Bolo inaugura o Museo YOSSO, o primeiro de Valdeorras sobre un artista local con proxección internacional

No seu interior alberga a arte pictórica e literaria de Xosé de Valbuxán

 

YOSSO para asinar os seus cadros, Xosé de Valbuxán para a escrita. José Porto García (1943-2019) ‘O Cisne de Valbuxán’ era un artista dos que deixa pegada, con pouco apego polo material e unha grande sensibilidade. Un creador, amante e defensor da súa terra e do mundo rural, non sempre comprendido e valorado, que falecía hai case tres anos deixando un gran baleiro entre os seus seres queridos pero un gran legado artístico e cultural. Un legado que dende hoxe ten o seu propio espazo.

 

 

 

Na mañá deste sábado 21 de maio, véspera de Santa Rita, o Concello de O Bolo inauguraba o Museo YOSSO, o primeiro da comarca de Valdeorras adicado a un artista local pero de proxección internacional. Ubicado no entorno da zona escolar da vila, na rúa Barreiro, s/n, o espazo expositivo adicado ao artista bolés era bendecido polos sacerdotes da parroquia, José Antonio Crespo e Francisco Requena, e de seguido tomaba a palabra o anfitrión do acto e promotor do museo, o alcalde Manuel Corzo.

 

Pedro Pericles e Piquico.

 

O alcalde de O Bolo, Manuel Corzo co alcalde da Rúa e deputado provincial, Álvaro Fernández.

 

Diante dos asistentes e visiblemente nervioso e emocionado, Corzo comezou a súa intervención parafraseando ao protagonista desta historia. “Si mi vida son dos días… daré uno a la Pintura y el otro a la Poesía son palabras recollidas dun dos libros de Xosé de Valbuxán Vivir para pintar, Vivir para escribir, fillo destas terras”, dixo lembrando o que o mestre do pobo lles contestara aos pais do artista, José e Carmen, sobre o seu comportamento, “é aplicado e pinta moi ben”.  De seguido, fixo un breve percorrido pola súa traxectoria vital e artística dende que con 9 anos deixara a aldea para estudar nos Escolapios. A piques de cumprir os 20 anos abandonou a vida eclesiástica para seguir coa súa verdadeira vocación: pinta e escribir. París, Narbona, Roma, Londres e Madrid son algúns dos lugares polos que pasou e onde adquiriu unha ampla dimensión cultural que se reflicte na súa produción artística, tanto na pintura como na literatura, “deixando a vida nelo aínda que tivera que pasar privacións sen adicarse a outra cousa que non fora pintar ou escribir”, dixo Corzo destacando as numerosas exposicións que fixo ao longo da súa vida, en Galicia, pero tamén a nivel nacional e internacional.

 

 

“Xosé de Valbuxán é o poeta que describe literaria e poeticamente a Galicia rural que o viu nacer e tanto os seus poemas como os seus cadros constitúen unha onda á ledicia e tamén á tristura, á soidade e á morte… Contemplou no seu arte todas as vertentes da vida e da xente pero sobre todo as  manifestacións culturais. Na súa produción literaria non faltaron poemas sobre á gaita galega da que decía ‘sabía falar, rir e chorar”, dixo, aproveitando a ocasión para reivindicar o Día das Letras para Xosé de Valbuxán. “Hoxe este Concello adícallas a nivel local pero estou seguro que no futuro sera o protagonista das nosas Letras con maiúsculas como un día o foi Rosalía de Castro”, dixo, seguro de que este museo será “un éxito de visitantes e estudosos” e desexando que “O Bolo non só sexa coñecido polo Santuario das Ermitas e o Castelo senón polo escritor, pintor e poeta YOSSO”, rematou desexando que a xente desfrutase dos cadros “únicos, feitos co corazón e coa alma”.

 

A familia de José Porto.

 

Bendición do museo.

 

José Porto non estivo casado nin tampouco tivo fillos pero ao acto asistía boa parte da súa familia. Os seus irmáns Nicanor, Vicente e Marina, as súas cuñadas Maximina e Marisa, sobriños (Manola, Pepe, Vicente,…. Tamén había algúns políticos como o alcalde da Rúa Álvaro Fernández que ía tamén como amigo e como deputado provincial, a alcaldesa de Vilariño de Conso Melisa Macía, o alcalde de Manzaneda Amable Fernández, o tenente de alcalde de Viana do Bolo Abelardo Carballo e o representante da Presidencia da Xunta en Ourense, ademais da corporación municipal (equipo de goberno e oposición) do Concello de O Bolo. Tampouco faltaron artistas como Pedro Pericles e Piquico de Viana do Bolo, este último gran amigo de José de Valbuxán que o visitaba con frecuencia.

 

A irmá de José Porto, Marina.

 

No acto tamén interviu a irmá de José Porto, Marina, quen agradeceu a todos os que fixeron posible o museo. “Aínda non está acabado pero cando o esté, coa tecnoloxía que hai hoendía pode chegar a ser unha referencia mundial”. Nun día tan especial, Marina Porto tivo un recordo especial “para toda esa xente que creu en Xosé de Valbuxán-YOSSO e no seu arte”, lembrando sobre todo aos seus pais, José e Carmen “quenes malia pensar que era un fracasado porque  non tiña coche, nin cas, nin fillos, caíanlle bágoas de orgullo cando escoitaban falar del”.

 

Intervención do alcalde de O Bolo, Manuel Corzo.

 

Trala intervención de Marina, a Banda de Gaitas de O Bolo que interpretaba dúas pezas: un poema de Xosé de Valbuxán musicado por Xosé Lois Foxo e o Himno Galego. Trala visita ao museo, os asistentes puderon degustar uns petiscos por xentileza do Concello.

O museo, un espazo duns 140 metros cadrados acolle unha pequena parte da obra do artista posto que o seu traballo é moi extenso. Cadros de diverso formato e temática, dende óleos, pasteis ou plumilla ata debuxos de paisaxes da súa aldea natal, pero tamén lugares nos que se desenvolveu como creador como París (Francia), así como retratos da súa familia (dos seus pais, irmás, sobriños,…), entre outros. O apartado literario, obras como Valbuxán, O Bolo e As Ermidas: o triángulo da miña infancia ou La montaña sagrada (Epopeya de la leyenda de Osenger) e Himno al roble (poema épico celta), entre outras moitas, amósase nunha vitrina.

 

 

 

 

Fotos e vídeos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button