En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Botelo do Barco volve conquistar Vigo

Preto de 200 persoas asistían ao xantar no Hotel Coia, co que a festa gastronómica pechou a promoción por este ano

Dous meses despois da multitudinaria cita no Barco de Valdeorras e un un mes máis tarde da exitosa edición na Coruña, o Botelo volvía conquistar os padares dos asistentes ao xantar celebrado no salón do Hotel Coia de Vigo. A Festa do Botelo do Barco, declarada de Interese Turístico de Galicia, pechaba así o sábado 11 de marzo, a serie de actos promocionais desta tempada, dentro e fóra da comarca.

O xantar da III edición da festa gastronómica por excelencia do Barco na cidade olívica comezaba en torno ás  14:30 horas coa empanada de maravallas (da Panadería Santigoso, levada polo propio alcalde do Barco) e a sopa. O prato estrela,  (o estómago do porco recheo de costelas adubadas e afumado e posteriormente cocido para o seu consumo) xunto ás patacas e aos grelos, compañouse con viño branco da Adega D´Berna  e o tinto Valdouro da Cooperativa Xesús Nazareno de O Barco.

Un ano máis, ao acto asistiron como representación institucional o alcalde do Barco, Alfredo García  e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta  acompañados polo alcalde de Vigo, Abel Caballero; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; e a concelleira de Servizos Socias e Formación do Concello do Porriño, Soledad Girón.

Antes dos postres (tarta xeada e bica), os alcaldes do Barco e de Vigo dirixíronse aos asistentes para dar as grazas pola asistencia dos preto de 200 comensais, moitos do Barco pero a maioría veciños de Vigo. “Se isto segue medrando, o próximo ano teremos que facer o xantar en Balaídos”, dixo en clave de humor Abel Caballero quen, tamén asegurou querer seguir sendo alcalde de Vigo “outros 25 anos”, desfacéndose en loanzas para co alcalde barquense a quen lle dixo que “O Barco está precioso e é para min un orgullo ser amigo dun bo alcalde para o seu pobo como eres ti”. A ese respecto, Alfredo García asegurou estar encantado de asistir á Festa do Botelo en Vigo “porque sei que aquí hai dous “cérrimos” como din non Barco, do Botelo: o alcalde e a presidenta da Deputación”. En resposta a esa afirmación, a propia Carmela Silva asegurou que súa nai é da Fonsagrada “e alí tamén temos butelo pero a min gústame máis o do Barco”, dixo, recibindo sonoros vítores e aplausos por parte dos asistentes. Como parte do acto protocolario e en agradecemento ao apoio na promoción do produto gastronómico por excelencia do Barco, Alfredo García regaloulles sendos pins co escudo do Barco, quedando emprazados para unha nova edición de cara ao vindeiro ano.

A festa incluíu unha exposición de pintura en lousa de Valdeorras e a venda de camisetas conmemorativas e viño tinto, rematando a sobremesa con baile. Ademais, aproveitando a celebración Pedro Arias (veciño do Barco) foi agasallado polo seu aniversario con vela incluída e a felicitación por parte dos asistentes e mesmo do cantante que lle adicou unha canción.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button