En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Botelo triunfa dentro e fóra do Barco

Unhas 150 persoas asistían á II edición da festa gastronómica celebrada no Hotel Coia de Vigo

Máis de mil comensais na XVI edición no Barco celebrada en xaneiro, máis de 250 na III edición do xantar na Coruña en febreiro e unhas 150 na II edición da festa en Vigo. É o balance dos xantares promocionais da Festa do Botelo do Barco que vén de completar o percorrido neste 2016, no que segue triunfando dentro e fóra de Valdeorras.

A última cita, tiña lugar o 5 de marzo no salón do Hotel Coia de Vigo, o mesmo que acollía o xantar o ano pasado. Un exquisito xantar que comezou pasadas as 14:30h. con empanada de maravallas e sopa, e a continuación serviuse o botelo (estómago do porco recheo de costelas e osos da cabeza adobadas afumado e posteriormente cocido), acompañado con viño branco da adega D´Berna e tinto Valdouro da Cooperativa Xesús Nazareno do Barco. De postre, torta de roxóns e música para o baile que pechou o acto.

Un acto ao que por segundo ano asistían o alcalde de Vigo, Abel Caballero e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañando na mesa presidencial ao alcalde do Barco de Valdeorras, Alfredo García e a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta. Antes de comezar os dous alcaldes dirixían unhas palabras aos asistentes, asegurando que “o mellor de ser alcalde é poder reunirse e falar coa xente, cos veciños, polo que é un pracer esta hoxe aquí”, en palabras de Abel Caballero, e ratificando a idea de “irmanar Vigo e O Barco”, podenso ser este encontro gastronómico un punto de partida.

Máis información na vindeira edición do Periódico O Sil.
Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button