O Club Voleibol San Martiño-Dompavolei vén de participar por primeira vez nun dos torneos máis relevantes de Portugal, o Torneo Eurobol, que se celebra tradicionalmente e aproveitando as festividades de Semana Santa, en Gondomar (O Porto).
Viaxaron tres equipos que durante tres intensos días gozaron, sufriron e aprenderon. Case 40 xogadores que representaban a Ourense e a Galicia neste evento. Dado que en Portugal as categorías son diferentes, o equipo xuvenil tivo que competir en Sub21, un chanzo de idade por riba, o que supuxo un reto ambicioso para as mozas, que acabaron nun meritorio 9º posto.
A escola do Barco San Martiño tamén participou, resultando unha magnífica experiencia e conseguindo a súa única vitoria no último partido, premiando o esforzo realizado.
E torneo impecable para as xogadoras do primeiro equipo cadete, que tiveron que adaptarse a un balón de xogo diferente e ao gran nivel de xogo portugués, para acabar por impoñerse como primeiras na fase inicial de grupos, única maneira de coarse nas semifinais.
O Club Madalena, nas semifinais, poñería a proba a capacidade do grupo para repoñerse nos momentos máis complicados e remontar o 2º set para conseguir o pase á gran final onde esperaba o outro equipo galego, o Naron Volea. E na gran final, o DompaVolei soubo impoñer a súa calidade nun derbi inesperado pero que levou ás ourensás todo o máis alto do podio dun torneo que non esquecerán.
Para o Club Voleibol San Martiño agora toca pensar nos cruces de ascenso e clasificatorios que quedan por xogar nas ligas autonómicas federadas, aos que os equipos chegarán nas mellores condicións, á vista do nivel de xogo demostrado no Torneo de Eurobol de Gondomar.