CulturaCulturaÚltima hora

O Camiño de Inverno, nun documento de 1595 atopado no Arquivo Histórico Nacional

Fonte: Archivo Histórico Nacional, Clero Secular_Regular, L 6305.

 

Que se saiba, é a primeira fonte histórica coñecida na que se define de xeito claro o Camiño de Inverno como camiño xacobeo no conxunto da terra de Lemos. Trátase dun documento de 1741, descuberto grazas á colaboración do director do Arquivo Diocesano de Lugo, Óscar González Murado. E que os responsables do proxecto arqueolóxico do Castro da Cereixa (A Pobra do Brollón), que encabeza Xurxo Ayán, veñen de dar a coñecer.

O documento transcribe os testemuños tirados dos “apeos de bienes, jurisdicción y regalías de la dignidad episcopal de Lugo en el coto y feligresía de San Pedro de Cereixa que hizo Baltasar de Farnandeiros, escribano receptor de la Real Audiencia de Galicia”, en 1595 (AHN, Clero Secular_Regular, L 6305). “Esta escritura recolle unha actualización das cargas señoriais dos habitantes da parroquia. É dicir, é unha sorte de catastro promocionado polo bispo de Lugo para garantir o pagamento das súas rendas, dos seus foros, alugueres de propiedades, etc… O documento orixinario de 1595 atopábase en mal estado polo que o bispo ordeou facer unha copia en 1741, nunha letra perfeitamente lexíbel para un paleógrafo afeccionado”, segundo explican os investigadores.

Así o documento aporta moita e valiosa información para os investigadores, que inciden en que “non só permitiu documentar a ermida de San Lourenzo e a ubicación da antiga igrexa románica de Cereixa, senón algo máis. Neste apeo vése claramente como a antiga igrexa se atopaba, efeitivamente, no actual barrio da Ponte, que en aquel entón estaba ocupado polos lugares de Corbal e Sobrado. No século XVIII coa reforma borbónica do camiño real ergueuse unha pontella de bargos no río que desde aquela dá nome ao barrio. Este camiño real é o Camiño de Inverno”.

Se ben no documento esta ruta recibe diferentes denominacións, os investigadores aseguran que non hai dúbida de que se trata do Camiño de Inverno. “Ao longo deste documento de 1595 aparece mencionado de diferentes formas: “camino de la Puebla del Brollón para Monforte”, A Estrada, “camino real de Monforte para la Puebla” en un parágrafo concreto, na páxina 21, é citado como “camino francés”. Xa que logo, a fins do século XVI conservábase a memoria vívida da natureza xacobea desta ruta, un vieiro comercial importante que explica a propia fundación da vila de reguengo da Pobra do Brollón en 1304 como nó dentro deste camiño de peregrinación”.

Así, tanto o equipo e como a Asociación de veciños/as de Cereixa, promotora do proxecto de investigación do castro, teñen claro “desde hai máis dun lustro” que “a nosa parroquia é atravesada polo chamado Camiño de Inverno. Desde 2016 vimos promocionando e desenvolvendo un proxecto etnoarqueolóxico e arqueohistórico a medio prazo para desvelar a xénese e evolución desta paisaxe cultural desde a Prehistoria até hoxendía. Esta investigación demorada, rigorosa e metódica é a ferramenta idónea para encauzar o proceso de patrimonialización xacobeo que vivimos na terra de Lemos hoxendía”.

Foi precisamente o labor de divulgación deste traballo o que lles ten permido contar nas redes sociais coa colaboración de profesionais e eruditos como o director do arquivo diocesano de Lugo, Óscar González Murado, que fixo posible esta descuberta. “Cando comezamos o proxecto arqueolóxico do castro de San Lourenzo, pronto nos fixemos unha pregunta: por que non había documentación algunha sobre o santuario que coroaba o castro? Esta anomalía podería estar vencellada ao feito de que fose unha ermida popular, non ligada a ninguna familia fidalga ou poder local. O arquiveiro Óscar saíu ao noso rescate e sinalounos que no Archivo Histórico Nacional existían documentos do Coto e Xurisdicción de Cereixa, entidade que entre o século XIII e o primeiro terzo do século XIX pertenceu ao Bispo de Lugo”, indican os investigadores.

Artigos relacionados

Back to top button