ConcellosÚltima hora

O campamento “Explora Ourense 2017” propón un verán de aventuras na Baixa Limia

Medio centenar de rapaces da provincia, entre 9 e 14 anos, poderán pasar unha semana chea de diversión e natureza na Serra do Xurés no mes de agosto
Paulo Vázquez, Manuel Baltar e Plácido Álvarez. // Foto: Carlos Asensio. 

Natureza, aventura e moita aprendizaxe, eses son os tres ingredientes co que parte, un ano máis, Campamento da Ourensanía “Explora Ourense 2017”. O escenario para vivir todas estas aventuras é o Complexo Turístico de O Cogo, no Concello de Muíños, moi preto do Parque Natural Serra do Xurés (na Baixa Limia).

Travesías en canoa, roteiros en bicicleta de montaña e a pé ou pasar unha noite fóra, coa única protección das estrelas, son algunhas das “aventuras” que vivirán os rapaces que se anoten a este campamento. Así o explicou, na presentación de hoxe, 24 de maio, o representante de Sustinea, Paulo Álvarez, entidade organizadora desta actividade promovida pola Deputación e o Concello de Muíños.

Álvarez explicou que os campamentos desenvolveranse en dúas quendas. A primeira será do 1 ao 7 de agosto para campistas de 12 a 14 anos; a segunda quenda, do 8 ao 14 de agosto, será para campistas de 9 a 11 anos. En total serán 25 prazas por cada quenda. O representante de Sustinea salientou que nesta edición “faremos especial fincapé no coidado da natureza e os asistentes poderán gozar dunha contorna practicamente virxe como é a Serra do Xurés”. Asemade, tamén irán á aldea de Salgueiro, na Baixa Limia, “onde veremos como se vivía antano”, contou. Con esta edición xa van 200 rapaces que viviron esta aventura.

Pola súa banda, o presidente da Deputación salientou que os rapaces e rapazas gozarán deste campamento “nun entorno como é a Serra do Xurés que é unha das xoias do noso patrimonio provincial”. O presidente fixo fincapé en que este campamento “pon en valor, non só a comarca da Baixa Limia, senón toda a provincia, descubríndolle aos nenos os nosos estandartes, a natureza e o medio ambiente”.

O alcalde de Muíños, Plácido Álvarez, subscribiu as palabras do presidente da Deputación e agradeceu a aposta da institución provincial “polo rural a través de iniciativas como esta, que dan a coñecer diferentes lugares da provincia de Ourense”.

Para participar en “Explora Ourense”, os interesados teñen toda a información na web www.exploraourense.com. Aquí están todos os documentos necesarios e só fai falla enchelos e levalos ao Rexistro da Deputación de Ourense a partires de mañá, 25 de maio, ata o 14 de xuño. O sorteo das prazas farase nun acto aberto ao público, informan dende a Deputación, o próximo 21 de xuño ás 11:00 horas no Centro Cultural “Marcos Valcárcel”, e poderase seguir en directo a través da web da Deputación.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button