DeportesFútbolÚltima hora

O Campus do Atlético de Madrid, para nenos de 5 a 16 anos, desenvolverase en Viana do 2 ao 7 de agosto

O exfutbolista Manuel Sánchez “Manolo” o alcalde vianés, Abelardo Carballo e o presidente da Deputación, Manuel Baltar, presentaron as actividades deste campus, onde os valores do deporte serán os protagonistas

Presentación do Campus do Atlético de Madrid.

 

Na mañá deste martes 20 de xullo, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, xunto ao ex futbolista do Atlético de Madrid e director deportivo dos campus, Manuel Sánchez “Manolo”, e o alcalde de Viana do Bolo, Abelardo Carballo, presentaban as actividades do Campus de verán do Atlético de Madrid, que se desenvolverá en Viana do Bolo do 2 ao 7 de agosto, dirixido a nenos e mozos de entre 5 e 16 anos.

“Trátase de poñer de relevo os valores do fútbol e, en xeral, de deporte: sacrificio, compañeirismo, solidariedade e colaboración, e facelo a través dunha iniciativa que terá lugar nun municipio que destaca pola súa riqueza ambiental, como é Viana do Bolo”, expresou o presidente Baltar, sinalando que a Deputación de Ourense “caracterizouse nestes anos por potenciar un ecosistema de turismo deportivo que ten excelentes mostras como o labor que leva a cabo na estación de Montaña de Manzaneda; o impulso ao remo e piragüismo de alto nivel como vimos realizando en Lais, Arnoia e Castrelo de Miño, ou a cooperación para que a provincia de Ourense acolla edicións da Volta a España, masculina e feminina”, citou como exemplo.

 

Manuel Sánchez, Manuel Baltar e Abelardo Carballo.

 

Manuel Baltar agradeceu ao Atlético de Madrid e ao concello de Viana do Bolo o feito de que “xuntos poidamos cooperar para facer realidade este campus deportivo que será algo inesquecible para os nenos e mozos que participen”. Nesta mesma liña, Manuel Sánchez dixo que a finalidade de campus é “que os participantes se divirtan, aprendan técnica, pero sobre todo que podamos transmitirlles os valores da fundación e da academia do Atlético de Madrid, todo iso nunha localidade marabillosa para a práctica do deporte como é Viana do Bolo”. “Os nosos campus son unha referencia nacional e internacional–engadiu- e por iso temos unha gran responsabilidade, considerando que o deporte é un eixo prioritario para a educación dos nosos mozos “, remarcou Manuel Sánchez.

Pola súa banda, o alcalde de Viana do Bolo agradeceu a elección do municipio vianés para levar a cabo este campus, “para o que contan con toda a nosa colaboración e estamos seguros de que será un éxito”, dixo Abelardo Carballo.

As sesións do campus, que serán impartidas por adestradores da academia do Atlético de Madrid, terán un horario de 9:30 a 14 horas, e traballarase a técnica individual e colectiva, combinándoa con actividades lúdicas e competitivas. Os grupos de nenos serán reducidos, tanto por idade como por categorías, e ao final do campus cada neno recibirá unha fotografía individual, un informe técnico por parte do adestrador e un diploma acreditativo da súa participación.

As inscricións poden realizarse a través da páxina web do Atlético de Madrid e do correo electrónico: campusatmgalicia@gmail.com.

Artigos relacionados

Back to top button