Eleccións municipais 2023PolíticaÚltima hora

O candidato do PP á alcaldía do Barco reúnese co deputado Celso Delgado para analizar a situación das infraestruturas no municipio

"Esperamos que o pobo nos dea ese apoio que necesitamos porque agora creo que si que fai falta dar un cambio de timón porque este Barco está indo á deriva", dicía Manuel Núñez "Noli"

 

O candidato do PP á alcaldía do Barco, Manuel Núñez “Noli”, mantiña unha xuntanza esta tarde con Celso Delgado Arce, deputado do PP no Congreso, con quen abordaban a situación das infraestruturas e vías de comunicacións que afectan ao Barco e nas que, aseguran, se reflexa o abandono no que se atopa o municipio. Ao encontro tamén asistían membros da candidatura, cos que despois Delgado Arce facía un percorrido pola vila, pasando por lugares como o Malecón ou a céntrica rúa da Estación.

“Sabemos que O Barco de Valdeorras ten problemas de xestión diaria dos seus servizos públicos induscutiblemente, pero tamén ten que ter a ambición de ser reivindicativo nos temas das súas infraestruturas. Esta poboación necesta unha autovía A-76, que se licite xa o seu primeiro tramo, necesita ver esa circunvalación de Valdeorras, que tiña que estar entregada en setembro de 2022 e que aínda lle queda máis dun ano e medio seguro de obras, o que é unha mágoa e unha tristeza. E logo necesitamos  uns servizos ferroviarios cun nivel de dignidade, que é o que merecen os usuarios do ferrocarril nesta localidade. Non é posible que todos os trens cheguen aquí demorados, non é posible que esa estación teña o aspecto que presenta e os servizos”, sinalaba o parlamentario Celso Delgado Arce.

Así mesmo sinalaba que tamén “ante a Xunta de Galicia, e ante a Deputación provincial ten que esixirse unha actitude lóxica, primeiro de lealdade, segundo de reivindicación e de traballar polos intereses do que é a segunda poboación en importancia da provincia e que debe ser o motor de toda unha comarca e ter unha boa unión coa comarca veciña do Bierzo, coa que indiscutiblemente mantén unha relación cotiá moi importante”.

Delgado Arce manifestaba o seu apoio “dun xeito incondicional á xente do PP do Barco, que leva unha candidatura renovada, moi comprometida, con moita xente nova e que entra por primeira vez en política acompañando xa un político con experiencia como é Noli”. E amosábase convencido de que “vai obter un bo resultado, esperamos ter o voto da maioría da xente do Barco e alá onde os barquenses os coloquen estou seguro de que van facer algo que é necesario nesta segunda poboación máis importante da provincia de Ourense, que é defender os intereses da xente de aquí, sendo construtivos pero reivindicativos ante todas as administracións”, concluía, agradecendo o “esforzo que está facendo este equipo”.

 

 

Pola súa banda, Noli Núñez, afirmaba que “esperamos que o pobo nos dea ese apoio que necesitamos porque agora creo que si que fai falta dar un cambio de timón porque este Barco está indo á deriva”. Con respecto á circunvalación, indicaba que “hoxe presume o señor alcalde do remate desta estrada, pero queda por rematar un treito longo,e  espero que non se paralice ao pasar as eleccións e que volva a retomarse no mes de novembro e decembro cando se convoquen as nacionais para volver a cubrir o expediente, que creo que é o que se está facendo con estes temas. As obras están abandonadas, as rúas do Barco están sucias, o contrato do lixo está caducado, pola estrada N-120 que vai a Ourense cada día é máis penoso vixar á capital e por desgraza temos que ir alá, e ao Bierzo xa non digamos”.

Ademais, o candidato á alcaldía do PP comentaba que “aquí, como dicía Celso, estamos un pouco apáticos porque se non se move a esquerda, os demais non nos movemos. Temos que reivindicarnos e agora é o momento. O PP debe pensar doutra maneira e se nos toca gobernar, gobernaremos con todas as ganas, e se nos toca estar na oposición, estaremos tamén con todas as ganas. Nós non queremos este abandono do pobo, estaremos aí enriba, porque ademais levo uns compañeiros que son moi reivindocativos, que é o máis importante que creo que levo comigo. Primeiro cada un está especializado nun tema para que se vexa que non queremos o protagonismo dun so. A maneira é levar un bo equipo, como o que levamos, e contar coa axuda dos nosos políticos superiores. Eu son do PP, pero se teño que sentarme a discutir cun do PP, séntome, non lle vou dourar píldoras a ninguén, creo que temos moi boa representación en Madrid e que nos poden botar unha man moi grande”.

Artigos relacionados

Back to top button