SanidadeÚltima hora

O Carballiño contará cun novo Centro de Saúde

Esta nova infraestrutura permitirá incrementar os espazos para poder contar cunha consulta de saúde bucodental, sala de educación maternal e farmacia, entre outros

 

Esta mañá o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde do Carballiño, José Fumega Piñeiro, asinaban un convenio de colaboración para a construción do novo centro de saúde desta localidade, nun acto ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria Félix Rubial.

Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde terá 4.500 metros cadrados e disporá de 22 consultas, área de saúde bucodental, despacho de traballador social, área de asistencia pacientes infecciosos, catro salas polivalentes, toma de mostras, área pediátrica con 4 consultas, área da muller con dúas consultas, área de fisioterapia, consulta de farmacia e sala de docencia. Respecto ao punto de atención continuidade, terá 6 consultas e na área de saúde mental disporase de 3 consultas e despacho de saúde pública.

O Concello do Carballiño levará a cabo, en relación á parcela da antiga estación de autobuses, a cualificación urbanística axeitada, mentres que a Xunta asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, que ademais queda exenta dos impostos locais segundo este convenio. Ao respecto, Comesaña valorou moi positivamente o traballo do Concello e o consenso maioritario da corporación, que aprobou este convenio para que o centro de saúde sexa unha realidade.

 

 

Comesaña remarcou que, dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 115 centros de saúde que, xunto cos catro que están en construción suman un investimento de máis de 130 millóns de euros. En concreto no caso da área sanitaria de Ourense, construíu 9 novos centros, fixo catro reformas en centros de titularidade autonómica e máis de 15 reformas en centros de propiedade municipal que cofinanciou a Xunta cos concellos.

Con este convenio hoxe asinado, Comesaña dixo que a Xunta ten xa iniciados os trámites de todos os centros de saúde contemplados na fase 1 do Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria para a área sanitaria de Ourense, unha vez que os centros de saúde de Muíños e Boborás teñen xa aprobado o seu proxecto básico e encamíñanse á licitación da obra.

Para rematar a súa intervención, o conselleiro remarcou o compromiso claro da Xunta por unha renovación integral e pola atención primaria en Ourense, sendo O Carballiño un claro exemplo.

Artigos relacionados

Back to top button