O concello do Carballiño vén de incorporarse ao programa APEGO, creado co obxectivo de promover o uso cotián da lingua galega dende a infancia. O concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, acudiu a un acto desenvolvido hoxe, 18 de marzo en Nigrán, en representación do Concello do Carballiño.
Alcaldes, membros das corporacións e persoal técnico de 30 concellos asistiron na Casa do Concello de Nigrán á sinatura de adhesión ao programa Apego, que incorpora sete novas entidades municipais.
Os servizos de normalización lingüística dos concellos do Carballiño, Cee, Lugo, Ponteareas, Sada, Vilagarcía de Arousa e Nigrán súmanse aos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Carnota, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Vigo e Vimianzo como referentes nos que a veciñanza pode informarse e sumarse. Tamén pode contactar co proxecto a través da súa presenza na internet: www.apego.gal e www.facebook.com/apego.gal
Despois do segundo ano que se leva a cabo este proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos e nenas e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc., O Carballiño sumouse a ese sete novos concellos que se adheriron ao programa.
O acto estivo conducido por dúas representantes do persoal técnico dos servizos de normalización, que explicaron que é o Apego e a quen se dirixe. Foi presidido polo alcalde de Nigrán, Juan González, que quixo acoller e celebrar o inicio desta colaboración cun concerto de música infantil, “Letras e notas” protagonizado por Magín Blanco.
Tamén interviñeron no acto representantes políticos dos concellos do Carballiño Cee, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Negreira, Ribadeo e Ponteareas. Estes fixeron fincapé no interese da “colaboración intermunicipal para que a veciñanza de moitos concellos poida acceder en igualdade de condicións a programas e servizos”, explicaron. Tamén resaltaron a “necesidade dun proxecto coma este que valore positivamente a lingua e a súa transmisión”, tendo en conta a situación xeral pola que pasa o galego, incluso nos territorios onde a realidade é aparentemente máis favorable. E, animaron ás nais e pais a que se sumen ao Apego e participen nas accións e nas redes que reforzan a socialización en galego dos seus fillos.