CulturaCulturaÚltima hora

O cartel do VI FIC Vía XIV de Verín inspírase no filme “A rosa púrpura do Cairo”

Baséase nunha idea de Jorge Godás, director de Creatividade do certame, e foi desenvolvido pola deseñadora Aurora López, natural de Albarellos de Monterrei

Aurora López, deseñadora do cartel, Emilia Somoza, concelleira de Cultura de Verín, e Carlos Montero, director do FIC Vía XIV na presentación do cartel./ Foto: FIC.

 

A sexta edición do Festival Internacional de Curtas (FIC) Vía XIV, de Verín vén de presentar o cartel da súa edición do 2021. Baséase nunha idea de Jorge Godás, director de Creatividade do certame, e foi desenvolvido pola deseñadora Aurora López, natural de Albarellos de Monterrei, que xa asinara o cartel na III edición do certame. Nesta ocasión, a idea gráfica inspírase na famosa película de Woody Allen, “A rosa púrpura do Cairo”, e convida ao espectador a mergullarse na mostra.

Recreando unha das escenas máis coñecidas do filme, na gráfica vese como o actor protagonista introduce dentro da pantalla de cinema a unha espectadora. “Tentar que os asistentes ao FIC se somerxan completamente na programación oficial e paralela que imos preparar para todos é o noso obxectivo como organizadores e queriamos que a idea se plasmara no cartel ilustrativo”, asegura Carlos Montero, director do festival.

 

 

No acto de presentación tamén interviña a concelleira de Cultura de Verín, Emilia Somoza, quen apuntaba que “o certame de curtas verinés atópase plenamente consolidado na axenda cultural, de ocio e de lecer da vila, logo de seis edicións”. Xunto a isto, a edil indicou que “a celebración do certame en 2020 amosou que se pode recuperar a cultura en época de pandemia, sempre dun xeito seguro” e esta mesma premisa rexerá na VI edición do certame.

Un festival seguro

Na gráfica pode verse como a espectadora que traspasa a pantalla leva máscara. Nesta idea, na da seguridade, os organizadores do FIC Vía XIV queren incidir especialmente por segundo ano consecutivo.

Deste xeito, vaise deseñar de novo un estrito protocolo anti-Covid para despregar durante os días que dure o certame no Auditorio de Verín, entre o 4 e o 12 de setembro.

Finalmente, nas butacas do cinema que recrea a gráfica, o espectador máis cinéfilo captará detalles moi ligados á sétima arte como os anteollos de Woody Allen, a princesa Leia ou a nena do Mago de Oz, entre outras iconas características do cinema.

Artigos relacionados

Back to top button