O vivido na tarde deste domingo 27 de marzo no campo de Calabagueiros foi un partido de fútbol importante para o CD Barco. Non só porque sumaba os tres puntos en xogo, senón porque era o elixido pola directiva para convidar aos nenos e tamén para aportar o seu gran de area na axuda ao pobo ucraíno.
En colaboración co CCA O Barco e no marco da campaña a prol da base “O noso futuro é a túa ilusión”, o club de fútbol barquense repartía ata 6.000 entradas para que, acompañados por un adulto, nenos de Valdeorras, Viana, Trives, Quiroga e mesmo Puente de Domingo Flórez, asistisen ao partido de Terceira División ante o Xuvenil Ponteareas. Para iso, amais do reparto en comercios asociados ao centro comercial aberto, os propios xogadores visitaban moitos dos centros escolare entregándolles as entradas en persoa. De aí que esta tarde as bancadas do campo de fútbol e tamén as pistas a pé de campo presentasen unha estampa diferente a outras xornadas cos cativos enchendo boa parte dos ocos.

Ademais, esta era tamén a xornada elixida para a recollida de material para unha familia de refuxiados ucraínos. En concreto, a petición era para un pequeno de 2 anos (un carriño, roupa, pañais,…).
Cunha boa entrada e unha boa temperatura, a xornada completábase coa vitoria para os locais que superaban aos pontevedreses por 2-1, co dobrete de Duque para o Barco.

O partido poñíse moi cedo de cara dos rapaces de Javi Rey, co gol que Duque marcaba xa no minuto 5. Non contento con esta fazaña, o dianteiro barquense recuperaba o balón e só dous minutos depois, poñía o 2-0 no marcador. Con todo os de Ponteareas non estaban dispostos a deixarse bater sen presentar batalla e antes de rematar o primeiro tempo, no minuto 40, recurtaban distancias co 2-1. Tralo paso polo vestiario, Rey realizaba varios cambios (Rodri Alonso por Javi Pazos, Iago e Iván Tato por Oli e Duque, Juanma Justo e Carlos Cruz por Óscar e Morais), pero o marcador xa non se movería.
Con este resultado o conxunto vermello é cuarto con 48 puntos. A seguinte cita será de descanso.
Fotos: Carlos G. Hervella.