“Estamos contentos das campañas que se levan realizado, da colaboración dos asociados e da resposta participación que tiveron da xente, e por iso estamos moi agradecidos. Temos aínda moitas campañas pendentes e queremos abarcar a todos os sectores da asociación”, dicía o presidente do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Jacobo Arias, no decurso da asemblea que esta entidade celebraba na tarde do 15 de outubro no Casino do Barco.
A xunta directiva que preside Arias cumpre un ano á fronte desta entidade, un tempo no que seguiron apostando polo sector comercio, pero, ao mesmo tempo, promovendo campañas específicas noutros sectores nos que ata o de agora non se incidira de xeito directo como é o caso dos seguros e asesorías ou o da alimentación.
Así durante a xuntanza o presidente facía un repaso da actividade da asociación lembrando o efecto que tivo a crise do Covid a partir de marzo do 2020. “Foi un ano atípico na organización e posta en marcha de campañas debido á situación sanitaria”, pero o “CCA mantivo a súa actividade adaptándose á esa situación”, indicaba o presidente. Nese senso, citaba a organización da “Noite Branca” en xuño de 2020, “adaptada ás medidas sanitarias contra o Covid, pero que cumpriu o seu obxectivo”, seguida da campaña de rebaixas de verán e da iniciativa “Entretendas” (en colaboración co Concello do Barco), e, xa no outono, “Queremos clientes coma ti”, o “Venres Negro” ou a campaña de Nadal (xunto con AEVA) “Agasalla Valdeorras”.
O Barco CCA aposta ademais pola formación cun taller de redes sociais no entorno da actividade empresarial e desenvolvía outras accións como o reparto de material de protección fronte ao Covid (en colaboración co Concello do Barco) con dúas entregas unha en maio (de mascarillas, hidroxel, desinfectantes e pantallas) que chegou a máis de 300 empresas e outra en novembro dunhas 20.500 mascarillas entre os establecementos do Barco.
A memoria de actividades resultaba aprobada na asemblea, na que tamén saían adiante outros puntos como a acta da sesión anterior, as contas do 2020 e a previsión de orzamento para o 2021, así como a ratificación de novas solicitudes de afiliación, un total de 21 dende a última asemblea (en outubro de 2020).
Colaboración co Casino do Barco
O presidente do Barco CCA agradeceu a colaboración dos asociados e da xunta directiva, e tamén expresaba o seu agradecemento ao Casino do Barco “pola cesión das súas instalacións”, anunciando ademais un proxecto de colaboración entre ambas entidades “penso que vai ser unha boa iniciativa tamén para dinamizar O Barco da que nos imos beneficiar todos o máximo posible”.
Así mesmo Jacobo Arias referíase a dúas novas iniciativas que se promoverán neste mes de outubro no marco do magosto e tamén na celebración do Samaín cuxos detalles se farán públicos proximamente.
Fotos: A.R.