Con vitoria. Na tarde deste domingo marcada pola chuvia e o frío, o CD Barco comezaba a segunda volta da liga en Preferente vencendo 2-0 á SD Juvenil Ponteareas.
Os rapaces de Lino Estévez chegaban a este partido no terceiro posto da clasificación con 33 puntos tralo empate a tres na anterior xornada, disputada tamén en Calabagueiros, contra o Atlántida Matamá. O Juvenil pola súa banda facíao dende o posto 11º con 23 puntos trala derrota 1-0 no campo do filial do Pontevedra.
Sobre o enchoupado terreo de xogo custaba entrar no partido e tras unha primeira parte sen goles, no minuto 56 era Óscar Martín quen adiantaba ao Barco co primeiro gol da tarde. O segundo, obra de Sidibé, chegaba catro minutos despois sentenciando o encontro.
Con este resultado os vermellos suman tres puntos, a dous do primeiro e segundo clasificado. O seguinte partido será no Carballo, campo da UD Atios, un punto por debaixo do Barco na clasificación.
Fotos: O SIL.