CD BarcoDeportesEn portadaFútbolGalerías de fotosÚltima hora

O CD Barco remata a primeira volta cun empate en casa co Xuventude Cambados

Co 2-2 remataba o partido da xornada 17ª en Preferente Sur disputado no campo municipal de Calabagueiros

 

Estivo a punto pero a vitoria segue sen acompañar ao CD Barco que vén de sumar un novo empate na liga. Tralo parón polas festas de Nadal e o triangular benéfico con Rúa e co Córgomo Vilamartín que vencía sen problemas, o equipo sénior do Centro de Deportes Barco regresaba hoxe á competición oficial.

 

CD Barco.
Xuventude Cambados.

 

Na tarde deste domingo 7 de xaneiro, soleada pero fría, os de Lino Estévez saltaban ao terreo de xogo no campo municipal de Calabagueiros, sabendo da necesidade de sumar para non caer nos postos de descenso. Facíano coa estrea oficial de Imanol baixo os paus, pero nin sequera a experiencia en categorías superiores deste gran porteiro que regresa ao Barco despois de ter xogado uns meses na tempada 2017/2018, lograba a vitoria local.

 

 

Mediada a primeira parte o aviso da posible aterraxe do helicóptero sanitario no campo obrigaba a parar o encontro, aínda que pouco despois reanudábase o xogo pois tratábase dunha falsa alarma. Despois deste imprevisto eran os locais os que se adiantaban no marcador co gol de Eric Rellán no minuto 40.

 

 

Co 1-0 no marcador e moitas esperanzas chegaba o descanso pero tralo paso polo vestiario, no minuto 55 empataban os pontevedreses ao transformar un penalti. Os vermellos non estaban dispostos a deixar escapar os puntos en xogo e no 58′ Javi Pazos volvía adiantar ao Barco. Co 2-1 a bancada xa case brincaba pero no 69′ o Xunventude volvía marcar empatando de novo o partido. A partir de alí e malia os cambios no banquiño local o marcador xa non se movería do 2-2 co conseguinte reparto de puntos.

 

 

O CD Barco remataba así a primeira volta da liga na Preferente Galicia, Grupo Sur. A seguinte cita, comezando xa a segunda, será de novo en casa, ante o Ponteareas.

 

 

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button