
A delicada situación sanitaria que atravesan varios concellos da provincia de Ourense, entre eles O Barco de Valdeorras, obrigaba á directiva do Centro de Deportes Barco a buscar alternativas para disputar, fóra de Calabagueiros, algún partido amigable antes de comezar a tempada (se non hai máis restricións, o 18 de outubro).
O primeiro xogábano o pasado domingo no campo do Atlético Bembibre ao que superaban por 2 goles a 3 (de Ivi Vales e Rodri Alonso x 2) e o seguinte será de novo na veciña provincia de León pero desta volta contra La Bañeza FC que tamén milita en terceira división.
O partido xogarase con público o vindeiro sábado 10 de outubro ás 17:30h. no campo La Llanera (A Bañeza, León) “condicionado ao estrito cumprimento das disposicións regulamentarias vixentes, especialmente as sanitarias”, puntualizan dende a Federación de Castela e León de Fútbol.