CD RúaDeportesFútbolÚltima hora

O CD Rúa convida á afección a asistir ao partido do domingo e converter o Aguillón “nunha ola a presión amarela”

Tralo encontro co Loñoá CF que comezará ás 16 horas, presentaranse os equipos das categorías base e repartiranse castañas gratis

O coordinador da base do CD Rúa, Luis Mª Ferrer./ Foto cedida.

 

O equipo sénior do CD Rúa non está pasando polo seu mellor momento deportivo, cuns resultados que o sitúan nos postos de descenso da Primeira Galicia. Por iso, dende a directiva do club queren facer do partido deste domingo 3 de decembro unha gran festa e converter o Aguilón “nunha ola a presión amarela”.

O encontro ante o Loñoá CF comezará ás 16 horas e, tal como adianta o coordinador da base do club, Luis Mª Ferrer, ao rematar farán a presentación dos equipos das categorías base. “Faráselle o pasillo a cada equipo así como as fotos oficiais e tamén teremos castañas gratis para todo o mundo”, di Ferrer animando á xente a acudir ao campo “e axudar ao equipo a conseguir o primeiro +3 en casa, que boa falta nos fai”.

 

 

Será contra un rival directo que tamén se atopa en postos de descenso e “se conseguimos os tres puntos engancharémonos á  loita por manter a categoría”, asegura Luis, lembrando que quedan poucos días de prazo para anotarse no Campus de Nadal que se celebrará do 26 ao 29 de decembro.

Dende o club lembran que no Rúa todos son unha gran familia. “Dende os máis pequeniños ata os maiores, todos somos Club Deportivo Rúa”, di Luis, destacando que manteñen coma sempre o seu principal valor, “xogar con xente da zona, que a afección que vai ao campo coñeza aos xogadores por ser de Valdeorras e arredores”, di, agradecendo en nome do club o esforzo das nais, pais e avós para levar aos nenos a adestrar e aos partidos “pois veñen de diferentes puntos da comarca (Rubiá, O Barco, Larouco, Trives, Viana,…)”.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button