Tal e como estaba previsto, ás 12 horas deste mércores 8 de maio chegaba ao CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras, a comitiva lusa chegada dende Vila Real (Portugal) que participa nos Intercambios Escolares do Eixo Atlántico xunto ao centro escolar e ao Concello barquense.
Na primeira fase deste intercambio celebrada en abril, 6 rapaces e 14 rapazas acompañados dun profesor e unha profesora do CEIP Condesa de Fenosa, viaxaron a Vila Real. Agora, 25 alumnos e dous profesores do Agrupamento de Escolar Diogo Cão, e unha técnica do municipio de Vila Real chegan ao Barco onde estarán os días 8 e 9 de maio para desenvolver un amplo programa de actividades.
A primeira era a recepción que tiña lugar esta maña. No patio do colexio, alumnos e profesores facían o “pasillo” aos cativos portugueses, diante dunha fermosa pancarta de benvida. De seguido, acompañados tamén polo alcalde do Barco Alfredo García e pola concelleira de Cultura e Educación Margarida Pizcueta, reuníanse no Salón de Actos onde os esperaba un pequeno almorzo.
Os integrantes do intercambio compartirán un xantar e recreo no centro. Pola tarde terán actividades (Scape Room e Robótica) e o programa de hoxe completarase cunha visita ás instalacións do hotel Monumento Pazo do Castro e á Torre medieval do Castro; e cunha ruta turística polo Barco visitando os lugares máis emblemáticos da vila.
Fotos e vídeo: Mónica G. Bellver