O Centro de Día da Rúa e a aula de Infantil de 3 anos do Colexio Pablo VI-Fátima comezaron un innovador proxecto interxeracional co apoio do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antón Acevedo, que asistirá á inauguración oficial que terá lugar mañá, martes 29 de outubro.
Tal como explican dende o centro educativo, trátase dun programa que leva por título “A paciencia, o fío invisible que nos une”, un lema que reflicte o espírito de colaboración e aprendizaxe que enriquecerá a ambas xeracións, que xorde coa intención de converterse nun programa continuo, que sirva como referente dos beneficios do intercambio xeracional.

O acto inaugural, ao que acudirán Antón Acevedo e os maiores do Centro de Día, previsto para as 12 horas, será o primeiro encontro que marque o inicio dunha serie de actividades que se levarán a cabo ao longo do curso, nas cales os maiores e os máis pequenos terán a oportunidade de compartir experiencias, historias e valores.
“A paciencia, a comprensión mutua e o valor do tempo serán algúns dos eixos centrais destas sesións, que buscan fortalecer os lazos interxeracionais e fomentar un espazo de respecto e agarimo entre ambos os grupos”, din dende o centro. O director, José Fernández de Abajo, sinala que esta iniciativa “é unha ponte que enriquece a ambas xeracións, onde os maiores atopan unha fonte de vitalidade e os pequenos aprenden valores a través da experiencia dos adultos”.