SanidadeÚltima hora

O Centro de Saúde de Lobios contará cun novo sistema de climatización

O conselleiro de Sanidade e a alcaldesa de Lobios veñen de asinar un convenio ao que destinarán máis de 56.000 euros

 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a alcaldesa de Lobios, María del Carmen Yáñez Salgado, asinaron un convenio no que se establecen as bases do cofinanciamento, por importe de máis de 56.000 euros, co obxecto de levar a cabo as obras de reforma que consistirán na implantación dun sistema de climatización para salvar as demandas térmicas de refrixeración e calefacción das diferentes estancias do centro de saúde da localidade.

Disporase así de sistema de bomba de calor de caudal variable, composto por unidade exterior e unidade interior para climatizar as diferentes estancias, así como o sistema de control individual para cada unha delas, resolvendo, deste xeito, os problemas de temperatura que viña experimentando o centro nas etapas de maior calor ou frío.

O conselleiro de Sanidade agradeceu a boa disposición da alcaldesa para poder asinar este convenio, con tempo suficiente para que se poida licitar a obra e executarse en prazo. Deste modo, o persoal e os pacientes do centro de saúde de Lobios contarán cun centro de saúde mellor e máis confortable.
Colaboración cos concellos

A Xunta continúa colaborando cos concellos que manteñen centros de saúde de titularidade municipal. Así, desde o 2017, a distribución que a Xunta fai do Fondo Adicional do Fondo de Cooperación Local inclúe a previsión de compensar os custos de mantemento dos centros de saúde de titularidade municipal.

No orzamento para este ano, a Xunta reforzou unha vez máis o seu apoio a estas entidades locais e incrementou ata os 2,6 millóns de euros a partida –un 8%-. En particular, o Concello de Lobios recibiu no 2022 a cantidade de 11.562 euros para financiar o mantemento desta instalación sanitaria.

Con isto, a Xunta de Galicia ten destinado desde 2017 máis de 15 millóns de euros a financiar os gastos de funcionamento de 156 centros de saúde de titularidade municipal.

Artigos relacionados

Back to top button