ConcellosQuirogaÚltima hora

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, entre os actos culturais da Feira do Viño de Quiroga

O evento, que reunirá a uns 500 gaiteiros doce agrupacións musicais do norte de Galicia, Portugal, León, Asturias e da Galicia emigrante, celebrarase o sábado 16 de abril

Presentación do Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas en Quiroga.

 

O Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas, no que este ano participarán doce agrupacións musicais do norte de Portugal, de León, de Asturias, de Galicia e da Galicia emigrante, é un dos actos culturais e de tradición oral programados para a Feira do Viño de Quiroga. Así o presentaban no acto tiña lugar na tarde do 11 de abril na Casa de Cultura de Quiroga, que contou coa intervención do director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, Xosé Lois Foxo; do concelleiro de Cultura, José Luis Rivera; e do alcalde de Quiroga, Julio Álvarez.

O evento que reunirá o sábado 16 de abril a uns 500 gaiteiros, estará adicado este ano a Alfonso Muíño, un dos investigadores máis importantes no coñecemento da gaita, centrándose no estudo das palletas. Con esta homenaxe, en palabras de Xosé Lois Foxo, preténdese que “siga sendo un referente na cultura da gaita e tamén que Quiroga teña un espazo para a música tradicional”. O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, matizou que non é doado atopar un número tan significativos de músicos que encherán de cor e son as rúas da vila quiroguesa, nun acto que serve para manter a tradición e a cultura.

 

A presentación contou coa actuación de integrantes da Escola de Gaitas San Martiño de Quiroga.

 

No Certame Celtibérico, que comezará ás 11:30 horas, participarán bandas de gaitas nos catro graos e contarán cun equipo de xuíces profesionais que farán informes de cada banda.

Na presentación do acto tamén estiveron presentes os integrantes da Escola de Gaitas San Martiño de Quiroga, que baixo a dirección do seu profesor, Marco Foxo, interpretaron varias pezas musicais e incluso remataron interpretando a Pastora do Caurel.

Artigos relacionados

Back to top button