Non foi doado de conseguir pero despois de doce edicións, o Chandrexa Trail entra no calendario nacional de carreiras por montaña e no 2025 formará parte da Copa de España e tamén do Campionato de España en Liña individual e por seleccións autonómicas.
Así se reflicte no calendario oficial feito público pola Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME) onde figura o Chandrexa Trail Desafío Antillas que chegará á XIII edición, previsto para o 18 de maio.
Dende a organización, Diego Ribao asegura que formar parte do calendario nacional é dar un paso moi grande. “Xa no ano 2015 foramos Copa de España o que supuxo unha gran repercusión coa participación de xente de bastantes comunidades autónomas, pero isto xa é outro nivel, de feito a nivel federativo o ano que vén non haberá proba máis importante que a nosa. A Federación publicaba onte o calendario e xa teñen petición de aloxamento para case 50 persoas, o que anticipa que o impacto económico será moi alto na zona en canto a aloxamento, ocio e demais, vaise notar, non só ese día se non nos previos”, asegura.
Esta publicidade, para unha localidade como Chandrexa de Queixa con 450 persoas censadas “será brutal xa que duplicará a súa poboación entre corredores e acompañantes”, asegura Diego, explicando que a carreira grande son 35 km e 2300 m de desnivel acumulado que pasa polos pobos de Forcadas, Requeixo, Zamorela, O Castelo e Celeiros, un espectáculo paisaxístico do que poderán desfrutar os corredores que participen no XIII Chandrexa Trail.
Fotos cedidas.