
Cunha boa colleita de medallas voltaban a casa os atletas do Club Adas do Barco tras disputar o Campionato de Galicia Sub16 en pista ao aire libre, que se celebraba en Pontevedra os días 10 e 11 de outubro.
Así subíanse ao podio nesta cita Aldara Basteiro Nieves e Marcos Flecha (que eran prata en altura con 1,44 m e 1,62 m, respectivamente), Alicia Soto (tamén prata no lanzamento de xavelina, con 25,05, e bronce en peso con 9,39, ademais de lograr marca mínima persoal en ambas disciplinas), Iria Taboadela (bronce en lonxitude e marca mínima persoal con 4,82) e o vianés José Novoas, que se proclamaba subcampión galego nos 300 e nos 100 m (con mínima persoal nesta última proba, cunha marca de 11,94).