DeportesÚltima hora

O club ciclista Tres Lunas D.O. Valdeorras regresa á actividade esta fin de semana

Un dos seus corredores, Jorge Lorenzo, participará na primeira proba do Open de España de BTT Cofidis, en Valladolid

Saída dunha edición anterior do Open de España. /Foto cedida.

 

Despois dun ano de inactividade deportiva pola pandemia, o Tres Lunas D.O. Valdeorras regresa por todo o alto. “Foi un ano complicado pero agora estamos estusiasmados”, asegura o director deportivo do club ciclista, Pablo Diéguez.

A primeira cita será para o equipo de competición que reinicia a tempada esta fin de semana no Open de España de BTT Cofidis que se disputa en Valladolid, onde intentará seguir ampliando o seu palmares.

Malia a súa curta traxectoria, o club conta xa varios campións de Galicia, Castela e León e de España así como con trofeos internacionais conseguidos en países como Italia, Portugal ou Australia, tanto en categoría feminina como masculina. Neste primeiro campionato do ano, será o turno para Jorge Lorenzo Balsa, “un carismático corredor que loitaará por conseguir o mellor resultado posible nunha carreira con máis de 650 corredores procedentes de 13 países entre os que figura o actual campión de España da modalidade, David Valero, así como Pablo Rodríguez,Sergio Mantecón,Jofre CullellRoberto Bou ou Carlos Canal”, explica o director deportivo do club engadindo que tamén haberá representación internacional como o rumano Vlad Dascalu, campión do mundo e de Europa en 2019 en categoría Sub23 e un dos grandes favoritos; o francés Thomas Girot; ou o neozelandés Samuel Gaze.

 

O corredor do Tres Lunas, Jorge Lorenzo nunha carreira. /Foto cedida.

 

A carreira celebrarase mañá, domingo 14 de marzo sobre un circuíto de máis de 5 quilómetros e grandes desniveis. O Cerro das Contiendas será así escenario do Gran Premio Ciudad de Valladolid BTT, co que se abre o Open de España BTT XCO Cofidis 2021 que constará de catro probas: Valladolid, Sabiñánigo, Candeleda e Cala Ratjada.

Escola de Ciclismo e Tres Lunas Race

Ademais do equipo de competición, o Tres Lunas ten grandes expectativas postas na Escola de Ciclismo, que arrancará a actividade en dúas semanas. “Aumentamos o número de alumnos novos e ampliamos o equipo técnico”, adianta un emocionado Pablo Diéguez, lembrando que tamén están traballando duro para preparar a conciencia a Tres Lunas Race que se disputará os días 29 e 30 de maio para situar de novo á comarca de Valdeorras no mapa internacional.

 

Artigos relacionados

Back to top button