DeportesÚltima hora

O Club Voleibol San Martiño clasifícase para o Campionato de España Júnior Feminino

 

O equipo junior do Dompavolei conseguiu a clasificación para participar no campionato de España que se celebrará en Zaragoza entre os días 17 e 21 de Maio.

O 4º posto na liga regular de 1ª División galega valeulle ao novo equipo para clasificar para o campionato galego, onde se enfrontou en semifinais ao potente equipo de Emevé de Lugo, que conta con xogadoras convocadas habitualmente coa selección española.

Sen opcións para xogar a final galega, as júnior aferráronse a unha dura eliminatoria a ida e volta contra Voleibol Oleiros, na que o equipo vencedor dispoñería da última praza para o campionato de España. E conseguírono gañando na casa e sumando os 2 sets que lle daban o pase a Zaragoza no partido de volta en Oleiros, conseguindo un fito na historia do Club Voleibol San Martiño: o terceiro posto no campionato galego e billete para o nacional. Unha cita para que apenas quedan 10 días e que será un premio ao esforzo realizado polo equipo durante estes últimos meses.

O equipo ourensán quedou encadrado na primeira fase de grupos cos equipos: Heidelberg de Canarias, Universidade de Burgos e Finestrat de Valencia. Será unha competición “complicada pola mocidade das xogadoras do Dompa fronte aos potentes equipos doutras comunidades aínda que a representación ourensá deixarao todo na pista de xogo en cada partido”, aseguran dende o club ourensán.

A competición comezará o mércores 17 pola tarde e o equipo xa prepara con moita ilusión os partidos que están por vir.

Artigos relacionados

Back to top button