EconomíaEconomíaEn portadaÚltima horaViticultura

O Clúster da Pizarra de Galicia presenta tres novos proxectos de investigación e innovación

Facíao no decurso dunha xornada técnica celebraba na mañá do 27 de novembro no Centro Tecnolóxico da Pizarra en Sobradelo

 

Medio ambiente, prevención laboral e novas aplicacións construtivas. Son os eidos nos que se centran os proxectos de investigación que se presentaban na mañá deste 27 de novembro no Centro Tecnolóxico da Pizarra en Sobradelo (Carballeda de Valdeorras) no marco dunha xornada técnica promovida polo Clúster deste sector galego.

“Son tres importantes proxectos nos que o Clúster e o Centro Tecnolóxico da Pizarra levan meses traballando. Estas dúas entidades intentan ofrecer solucións aos diferentes problemas que se lles presentan aos empresarios e aos traballadores do sector e que, ao mesmo tempo, colaboran co desenvolvemento da comarca de Valdeorras, da provincia e de Galicia. E sempre o fixemos dende un marco multidisciplinar”, dicía na apertura do acto o presidente do Clúster, Víctor Cobo.

Deseguido tomaba a palabra o subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, quen agradecía de xeito especial a invitación, “xa que é a primeira vez que estou neste centro como representante do goberno na provincia para coñecer o sector e ver as súas necesidades”. Restaltaba tamén a importancia e o carácter estratéxico da lousa na comarca de Valdeorras.

A apertura completábase coa intervención da alcaldesa de Carballeda, María Carmen González, quen tamén poñía en valor o peso do sector da lousa no ámbito estatal e internacional. “Galicia xera máis da metade da produción española de lousa e a maior parte dela sae de aquí, de Carballeda”, dicía. Tamén lembraba que esta actividade extractiva xera 2.400 postos de traballo directos e 10.000 indirectos e incidía na súa aposta pola “innovación e divulgación”.

 

 

A partir de aí dábase paso aos proxectos. O primeiro en expoñerse era o titulado “Medidas ambientais para a mitigación e compensación de impactos sobre a fauna local nas explotacións de lousa”, da man de Luis Manuel Andón Rivas, director técnico do departamento de medio ambiente de Calfensa. O ponente resaltaba que o obxectivo último da restauración ambiental é “recuperar a funcionalidade do ecosistema”. O seu estudo está baseado en cinco piares esenciais: a hidrosementación de gramíneas, leguminosas, cereais e flores silvestres, a formación de lindes verdes en parcelas revexetadas, a creación de refuxios lonxitudinais con árbores e arbustos para facilitar o paso da fauna, a creación de “beetle Banks” (bancos de insectos) e a creación de pantallas acústicas con setos.

E do eido medioambiental ao da prevención e a saúde no sector. O director de Staub Ingeniería, Javier Madera García, presentaba un “Manual de boas prácticas para o control integral dos riscos asociados á exposición á sílice cristalina respirable nas naves de elaboración de lousa”. Destacaba o carácter innovador do mesmo e subliñaba que “en vez dunha guía fixemos un modelo que pretende ser útil ás empresas, á administración e aos axentes sociais; axudando a que os sistemas de prevención sexan moito máis eficaces”.

O doutor enxeñeiro de minas Fernando López González-Mesones pechaba a xornada técnica, organizada polo Clúster e polo Centro Tecnolóxico da Pizarra, amosando os resultados da segunda fase do proxecto “Caracterización tecnolóxica das lousas galegas como material de construción, para outras aplicacións complementarias ás tradicionais de cubertas”. Con este traballo busca “atopar novas aplicacións construtivas para a lousa, como poden ser o seu uso para fachadas, pavimentos, mobiliario e decoración rústica e urbana”, indicaba.

Ademais de empresarios e técnicos relacionados co sector, a xornada contaba coa presenza de representantes de AEVA, da Confederación Empresarial de Ourense, así como de alcaldes de Valdeorras como os de Vilamartín e A Rúa, xunto coa do tenente de alcalde do Barco, e a do deputado valdeorrés no Parlamento galego, entre outros asistentes.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button