EconomíaEconomíaGalerías de fotosÚltima hora

O comercio e a hostelería barquense vestiranse de festa o 21 de xuño coa “VI Noite Branca”

Esta acción promocional que busca dinamizar o comercio iniciarase a partir das 20h. e prolongarase ata a medianoite. Nela participarán 34 establecementos da vila

Descontos de ata un 20% en produtos de tempada, degustacións gastronómicas, animación nas rúas e prolongación do horario de atención ao público ata medionoite. O vindeiro 21 de xuño O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) promoverá a sexta “Noite Branca”. O programa desta edición presentábase en rolda de prensa na mañá do 19 de xuño na sede desta entidade coa presenza da súa presidente e vicepresidenta, Sandra Moldes e Ángeles Rodríguez, respectivamente, e de Nuria Regueira de Bayadère Academia de Danza.

Como en anos anteriores os establecementos participantes, un total de 34 (entre comercio e hostalaría), engalanaranse dun xeito especial e identificativo no exterior, ofrecerán degustacións a partires das 20h. e descontos. Ademais os comercios prolongarán o seu horario habitual e permanecerán abertos ata a medianoite, mentres o ambiente animarase nas rúas con espectáculos.

Con esta iniciativa búscase “animar aos veciños a saír ás rúas a coñecer os comercios e desfrutar das actividades gratuítas, dinamizar o comercio e tamén atraer á clientela dos arredores”, asegura a presidenta do Barco CCA. Ao seu carón, a vicepresidenta detallaba as actividades desta edición que comezarán ás 20h. na praza do Concello cunha exhibición de baile da man de alumnas de Bayadère.

Ademais haberá música nas rúas coas charangas Fuego e Támega e nos establecementos de hostalaría participantes servirase un “pincho especial Noite Branca” gratis coas consumicións durante o horario desta actividade. “Este ano contamos coa colaboración da Policía Local e de Protección Civil que nos axudarán co corte de rúas e co desvío do tráfico”, indicaba Ángeles Rodríguez.

As charangas farán un percorrido por diferente puntos da vila animando co seu ritmo os locais participantes nesta edición ata a medianoite.

 

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button