EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosÚltima hora

O comercio local toma o Malecón do Barco no XI Mercaberto

Esta mostra de oportunidades contará os días 23 e 24 de agosto cunha decena de expositores

Ao longo de dous días, o 23 e 24 de agosto, o Paseo do Malecón do Barco convertirase nunha superficie comercial ao aire libre. Nesta emblemática zona da vila vén de abrir as súas portas o XI Mercaberto, unha mostra de oportunidades que organiza O Barco Centro Comercial Aberto (CCA) en colaboración co Concello.

Esta feira, que incluirá ademais diversas actividades lúdicas e vencelladas coa cultura do viño, acaba de abrir as súas portas ás 17:30h. deste venres 23 de agosto. O seu recinto feiral conta cunha decena de expositores que achegan aos visitantes multitude de ofertas e oportunidades en produtos como complementos, calzado, confección ou decoración, entre outros.

O acto inaugural contaba coa asistencia da concelleira de Comercio barquense, Irene Dacal, e da vicepresidenta do Barco CCA, Ángeles Rodríguez Pérez, quen agradecía a colaboración dos comerciantes “xa que sen eles non tería sentido esta mostra” e tamén o apoio do Concello do Barco, do seu persoal e tamén de entidades como a Policía Local e o GES Valdeorras. “O Mercaberto é un escaparate de grandes ofertas e descontos”, aseguraba.

Tamén lembraba que nesta edición  recinto feiral contará dun inchable para os máis pequenos e destacaba a programación complementaria do certame, promovidas polo CCA e pola Ruta do Viño de Valdeorras. Estes actos levan por título “Aromas de Valdeorras. Espíritos con vida propia” e inclúen un obradoiro infantil de sabores (gratuíto), dirixido a nenos de entre 5 e 14 anos. Será impartido pola sumiller Mercedes González o 24 de agosto entre as 11:30h. e as 13h. Terá un aforo limitado a 40 cativos e será precisa inscrición previa.

O mesmo sábado pola tarde, entre as 19:30h. e as 21h. realizarase unha “cata a cegas: proba sensorial” (para un máximo de 50 persoas), tamén dirixida pola sumiller Mercedes González. Será necesario anotarse con anterioridade e o seu custo será de 5 euros (teléfono 988 32 11 50).

Pola súa banda a concelleira de Comercio, Irene Dacal, poñía en valor o esforzo realizado pola organización e polos comerciantes para desenvolver o Mercaberto e animaba a veciños e visitantes a encher o recinto feiral durante esta fin de semana. Tamén animaba a outros comercios a seguir este exemplo.

Esta mostra de oportunidades pechará hoxe as súas portas ás 23h. Mañá reabrirá as 11h. e funcionará de xeito ininterrompido ata ás 23h. Ademais ás 21h. do sábado terá lugar un concerto dos Broders.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button