ConcellosÚltima hora

O comité de empresa: “Non se vai pechar Irosa, imos seguir loitando ata o final polos postos de traballo”

Os traballadores manifestábanse de xeito espontáneo esta tarde polo centro do Barco en defensa dos seus empregos

 

Ao final da manifestación espontánea dos traballadores de Irosa e Samaca que percorría esta tarde o centro do Barco, os representantes do comité de empresa incidían en que se vai loitar ata o final para evitar o peche da empresa e a perda dos case 250 postos de traballo directos destas empresas do sector da lousa e da infinidade deles indirectos, preto de 700 segundo os sindicatos.

“A situación é moi complicada, temos moita intensión, isto colleunos de improviso. Chegamos hoxe ás oito da mañá a traballar todos tranquilos, cando, de repente escoitáronse voces de que estaba a Garda Civil nas oficinas de Irosa e despois indicáronnos que había que parar porque pecharon as oficinas de Samaca e o almacén polo tema da sentenza”, comentaba un dos representantes da CIG no comité de empresa.

 

 

“Hai tempo atrás tiveramos ese problema, pero supostamente estaba todo arranxado, pero non era así. Entón esta mañá quitaron pechaduras en Samaca, cambiáronas, querían entrar na nave pero os compañeiros que estabamos alí non o permitimos e non o imos permitir porque é o noso pan de cada día e esta xente ten que pagar a súa hipoteca e todo o demais. Estamos pelexando polo noso, estamos todos unidos e somos nisto unha familia, por moito que haxa enfrontamentos entre xefes e obreiros, pero nestes plans agora mesmo estamos todos unidos. Nós o que queremos é que a empresa non peche. E Irosa non se vai pechar, imos seguir loitando ata o final”, destacaba o representante sindical entre aplausos.

“Con esta representación que temos aquí o único que queremos é que se nos oia, hai unha expropiación na cal os terreos están a nome de Irosa, depositouse un diñeiro polo cal pertencen a Irosa e o único que queremos é que as persoas que teñen mediar para que estes papeis vaian para adiante e se solucione e nos deixen acudir ao noso posto de traballo, o solucionen canto antes, nós imos a plantar cara, non nos imos mover do noso posto de traballo e imos a loitar para que nos deixen ir ao noso posto de traballo”, engadía un representante de CCOO no comité de empresa.

 

Artigos relacionados

Back to top button