En portadaÚltima horaVídeos

Asinado o acordo entre Irosa-Samaca e a Comunidade de Montes de Portela e Trigal

Os comuneiros facíanlle entrega á empresa das chaves dos candados colocados esta mañá nas súas instalacións para executar a sentenza de desafiuzamento. Os traballadores xa están nos seus postos

 

Contra as tres desta tarde de 29 de novembro producíase, finalmente, a esperada entrega de chaves da Comunidade de Montes de Portela e Trigal á empresa Irosa-Samaca. Un acto simbólico que materializaba o acordo asinado momentos antes entre as partes na notaría do Barco. O anuncio desa esperada asinatura, que tiña en vilo ao persoal de Irosa-Samaca, facíano os representantes do comité de empresa de Irosa-Samaca.

“Está feito o acordo e agora podemos respirar, estamos á espera de que nos dean as chaves para poder abrir e a empezar incorporarse para poder traballar. Xa firmaron. Isto supón para os traballadores unha gran alegría e quitarnos un peso de enriba, agora podemos empezar a traballar. Logo os problemas internos que teñen entre eles son seus, nós polo menos xa conseguimos o que queríamos: manter os nosos postos de traballo, iso é o principal. Isto é como se fora un regalo de Nadal para nós”, indicaba Ramón Doporto, representante da CIG no comité.

 

 

“Simplemente intentabamos preservar os nosos postos de traballo e que chegaran a un acordo, facilitóusenos que puideramos estar na negociación para expor os termos da mesma e hoxe liron diante nosa os acordos aos que chegaron onte. E tras asinar, agora só queda que ambas partes o que asinaron o cumpran para que isto se quite de problemas nun futuro”, indicaba Óscar Guerrero, representante de CC.OO.

As condicións do acordo

Posteriormente, saían da notaría os representantes da Comunidade de Montes de Portela e Trigal, que, a través do seu avogado, José Antonio Iglesias, facía explicada os termos do acordo asinado. “Por parte da comunidade de montes se procedeu a outorgar novos contratos de arrendamento das parcelas ocupadas e que son da súa propiedade, establecéndose por un período máximo de 11 anos, susceptibles de prórroga porque os 11 anos é o tempo máximo permitido actualmente pola lexislación vixente. A parte de diso, estableceuse unha nova renda desas parcelas e tamén se acordou unha indemnización que debe satisfacer a empresa pola ocupación destes 9 anos dende que terminaran os antigos contratos de arrendamento o 31 de decembro de 2014”.

 

 

Así mesmo o avogado explicaba que a reunión na notaría foise dilatando porque “había que redactar e darlle forma a todos eses acordos, aínda que había un traballo avanzado por parte da notaría, foi necesario corrixir e establecer os termos definitivos do acordo en canto á redacción final. Polo tanto, demorouse un pouco máis do que se esperaba a sinatura dos documentos públicos, tanto do acordo transaccional, como dos contratos de arrendamento”.

A valoración da comunidade de montes

Preguntado polo preacordo asinado a semana pasada, o avogado da comunidade de montes explicaba que ese preacordo “era un documento que establecía o camiño a seguir para dous supostos distintos, en función de se a sentenza que ditaba o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) era favorable á expropiación ou non. Non se podía subscribir con anterioridade ningún acordo mentres non estivera a sentenza ditada. O TSXG ditou a sentenza o pasado luns e a partir dese momento a empresa e a comunidade puxéronse a traballar na única vía posible segundo eses acordos. Non é que non se respectaran os acordos, como alguén se encargou de dicir, pero era necesario articulalos en función da sentenza do TSXG. Ambas partes estaban en disposición de chegar a acordos nos dous supostos”.

 

 

Tamén explicaba Iglesias que o desafiuzamento desta mañá tiña que levarse a cabo por varias razóns. Primeiro, “porque non estaba asinado o documento público, nin os contratos de arrendo, e, en segundo lugar, porque había que poñer fin aos procedementos de desafiuzamento tramitados polo Xulgado de primeira instancia do Barco que, despois de 9 anos, estabamos na recta final e era o broche para rematar co procedemento e coa execución desas sentenzas, avaladas pola Audiencia provincial e polo tribunal supremo”.

Ademais Iglesias expresaba o seu agradecemento á “confianza que a comunide de montes depositou no equipo xurídico que se ten encargado da defensa dos seus intereses, agradecer especialmente a todos os profesionais que interviron como enxeñeiros, economistas, psicólogos e como non, felicitar tamén ao avogado Miguel Ángel Quiroga Gayoso, que foi a persoa que dirixiu o procedemento contencioso administrativo en relación á expropiación dos terreos da comunidade, que tivo unha sentenza totalmente favorable, deixando sen efecto a expropiación acordada no seu día pola Xunta de Galicia”. Tamén agradecía o letrado “a colaboración dos mediadores na negociación e da boa disposición das partes, tanto das empresas afectadas, como da comunidade de montes, que grazas a esa disposición de querer manter os postos de traballo e a continuidade da empresa foi posible que se chegara a esta transacción en todas as cuestións litixiosas que mantiña a comunidade de montes coa empresas Irosa e Samaca”.

 

 

A valoración da empresa Irosa-Samaca

A continuación o responable de Irosa-Samaca, Rogelio López, manifestaba que “todos os acordos hai que valoralos positivamente”, pero matizaba, fronte ao declarado polo avogado da comunidade de montes, que “o acordo si se cambiou. Fixemos un acordo hai 20 días que contemplaba, como el dixo moi ben, as dúas posibilidade. Se a sentenza era favorable á comunidade faciamos dunha maneira e se ganaba a empresa, faciámolo doutra. Pero cando se coñeceu a sentenza, iso que se dicía en caso de que ganara a comunidade, xa non valeu. Entón, as esisencias foron completamente distintas e fomos retrasando as cousas e, ao final, como xa era inevitable o lanzamento, tivemos que asinar todo aquilo que nos pediron”.

 

 

E iso, continuaba Rogelio López, “fixémolo por dous motivos principais. Estaban as forzas do orde público estaban preparadas para intervir, eu por nada do mundo quería ver a esas forzas, que eu respecto profundamente, dándolle paus aos nosos traballadores, iso era algo que había que evitar a toda costa. E, en segundo lugar quería evitar o peche da empresa e conservar os postos de traballo, que é o máis importante, porque se se pecha eu sei que non se volve abrir nunca, porque se se vai aos tribunais, todos sabemos o que tarda. E unha empresa que se pecha seis meses xa non teñen arranxo. E eses foron os motivos que nos moveron a tragar todo o que se nos esixiu.

 

 

Rogelio López agradecía o “excelente traballo da Xunta de Galicia, así o recoñeceu a sentenza que non fixo ningunha alegación a erros nin a malas intepretacións da expropiación”. E dicía que pensaba que esa sentenza tiña “un fácil recurso, pero comprometémonos por esixencias dos comuneiros a non recorrela”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button