EconomíaEconomíaÚltima horaVídeos

García Marcos, tradición e calidade en Viana do Bolo e tamén no Barco de Valdeorras

Con máis de 30 anos de traxectoria, esta empresa familiar de embutidos e salazóns conta agora cun espazo propio na capital valdeorresa, cos seus produtos e tamén doutras pequenas empresas

 

Tradición, calidade, traballo e ilusión son palabras que definen á perfección a traxectoria de García Marcos, unha empresa familiar de embutidos e salazóns que ao longo dos máis de 30 anos de historia logrou ser todo un referente na industria cárnica dende Viana do Bolo, achegándose agora tamén a Valdeorras.

 

 

Concretamente ao número 48 da avenida Conde Fenosa, no Barco, onde o pasado 2 de decembro abría un punto de venda que está tendo moi boa acollida. “Ter unha tenda propia no Barco era algo que ao noso pai lle quedou pendente no seu día, porque aínda que mantemos algún distribuídor a maior parte da venda facémola nós. Abrimos en plena campaña de inverno e con moitísimo traballo pero xurdiu a posibilidade de alugar este local, pareceunos interesante o lugar e lanzámonos”, explica Meli, a responsable xunto á súa irmá Paqui, de manter o legado familiar fundado por Santiago García e Francisca Marcos en 1982.

 

 

A historia de Santi (zamorano) e Paqui (barquense) comeza anos atrás, a comezos dos 70, cando se coñecían nunha festa na Casuca do Barco de Valdeorras. “Meu pai viñera a Viana do Bolo co seu irmán maior que era tratante de gando e, tras coñecer á miña nai e andar de noivos casaron. Despois estiveron fóra e cando deciden volver para Galicia, aséntanse tamén en Viana e montan o negocio que comeza como unha carnicería, nun posto na praza de abastos”, conta Meli, explicando que pouco a pouco foron ampliando cunha primeira fase da fábrica e, como viron que ía ben o tema do embutido seguiron ampliando ata chegar ás instalacións de hoxe, a base de traballo e sacrificio porque, malia falecer con 59 anos, o patriarca estivo traballando toda a vida e deixou unha forte impronta na súa familia e tamén na sociedade.

 

 

Coa nai xubilada (aínda que segue moi presente na empresa) Paqui e Meli están á fronte do negocio. A primeira integramente adicada ao tema de produción e a segunda á concesión do matadoiro municipal de Viana, pero as dúas apostan polo novo proxecto posto en marcha no Barco, dirixido sobre todo á venda do seu produto, o embutido e salazón, do que teñen unha gama moi ampla. “Os nosos produtos estrea son a androlla e o botelo pero a maiores temos unha gran variedade de embutidos: pigureiro, chourizo, salchichón, lombo, un produto moi especial que é solombo embuchado,… E despois de salazón temos todas as partes do porco para o cocido (morro, orella, patas,…) e tamén xamón, lacón, codillo, espinazo, etc”, conta Meli.

 

 

Pero máis alá dos produtos que forman a súa identidade de marca, no local do Barco pódese atopar unha gran selección de produtos gourmet, enfocada principalmente ao produto galego. Dende interesantes queixos, galegos como son os de Airas Moniz, Xirós de Biscato ou Néboa pero tamén casteláns de ovella curados porque “segue tirando a raíz do noso pai”, puntualiza Meli; ata conservas premium (Peperetes, Ramón Franco,…). Fieis á terra na que nacía a empresa tamén contan con produtos de Viana (mel, bicas…) ademais de produto nacional como aceite, mermeladas, algún doce,… “Tamén temos viños, pouca variedade pero exclusividade, traballando con adegas que orientan ás vendas de cara ao exterior ou venden moi pouco na zona como Rafael Palacios ou Coroa”, sen esquecer a preparación de cestas para agasallo.

 

 

Trátase dun proxecto co que as irmás García Marcos están moi ilusionadas confiando en que o complemento gourmet poida funcionar no Barco, pero conscientes de que é o embutido o seu principal reclamo, especialmente nestas datas, coincidindo coa Festa do Botelo á que levan anos proveendo con moi boas críticas.

 

 

Nese aspecto destaca a calidade do produto, algo que en García Marcos coidan especialmente seguindo a saga familiar, ata o punto de que “seguimos traballando cos mesmos proveedores cos que traballaba meu pai, tanto de porco vivo como de todos os aditivos que poidan levar os embutidos, e non imos cambiar niso. Penso que o segredo do éxito reside en seguir mantendo unha calidade e unha tradición”, di Meli, recoñecendo que o seu produto é fiel a como foi sempre, “a pesar de que hoxe son outras mans as que adoban porque pasaron moitos anos e moitos traballadores, grazas aos cales tamén a empresa pode funcionar como o fai. Estamos moi tontentas co equipo que temos”.

 

 

O pedido para a Festa do Botelo do Barco que se celebra mañá roza os mil quilos, só para o pavillón; e a maiores están os dos restaurantes así como as vendas a particulares que fan e comen o botelo na casa. “Nese aspecto estamos moi contentas porque a xente que empezou a encargarnos o botelo segue facéndoo ano tras ano. Fidelizar á clientela é moi gratificante”, recoñece Meli, asegurando que non chegan a parar a produción. “Baixámola, pero non paramos porque chega o verán e sorprendentemente a xente pide androlla e botelo, polo que mantemos unha produción fresca mínima”.

 

 

 

Mañá a partir das 14:30 horas, os máis de 1.150 asistentes ao xantar da XXII Festa do Botelo do Barco degustarán un dos produtos estrela de García Marcos. O outro, a androlla, ten a súa propia festa en pleno Entroido, e celebrarase o Domingo Gordo en Viana do Bolo.

 

 

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button