CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O compositor Octavio Vázquez, natural de Río, estrea “Ilusións” coa Real Filharmonía de Galicia en Santiago

O concerto terá lugar os días 19 e 20 de maio no Auditorio de Galicia e estará dirixido polo mestre Paul Daniel

O músico e compositor Octavio Vázquez, natural de San Xoán de Río./ Foto:http://www.octaviov.com/

 

A Real Filharmonía de Galicia (RFG) despide a súa temporada ‘Viaxes’ cun dobre concerto este xoves 19 e venres 20 de maio no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela e no Teatro Afundación de Vigo, respectivamente, que levará por título ‘Unha viaxe fantástica’.

Nesta dobre cita, a Real Filharmonía estreará a obra Ilusións (Māyā) pertencente á triloxía Sattva do compositor Octavio Vázquez, natural de San Xoán de Río e que reside en Nova York, elaborada por encarga da RFG. Ademais, interpretará tamén a Sinfonía Fantástica, op. 14: Épisode de la vie d’un Artiste de Héctor Berlioz. O mestre Paul Daniel será o encargado de dirixir esta cita.

Estrea absoluta

O punto forte da noite vivirase coa estrea da obra Ilusións do compositor Octavio Vázquez. “A Encyclopaedia Britannica escribe que Māyā, (sánscrito: “maxia” ou “ilusión”) é “un concepto fundamental na filosofía hindú, especialmente na escola Advaita (non dualista) do Vedanta (…) a poderosa forza que crea a ilusión cósmica de que o mundo fenomenal é real””, indica o compositor

Explica Octavio Vázquez que “Albert Einstein, nunha carta ao seu amigo Robert S. Marcus do 12 de febreiro de 1950, escribe “Un ser humano é unha parte do todo, do que chamamos “Universo”, unha parte limitada no tempo e no espazo. Experiméntase a si mesmo, os seus pensamentos e sentimentos, como algo separado do resto––unha especie de ilusión óptica da súa conciencia“.

Entradas á venda

As entradas para o recital deste xoves no Auditorio de Galicia atópanse á venda na web compostelacultura.gal a un prezo de 15€ mentres que para o concerto do venres están á venda na web ataquilla.com desde 6,30€.

Ademais, na previa do concerto do xoves no Auditorio de Galicia, o mestre Paul Daniel e o compositor Octavio Vázquez conversarán co público interesado nunha nova edición de “Conversando con…”.

 

O mestre Paul Daniel./ Foto cedida pola RFG.

 

Punto e final á temporada

Con este concerto a Real Filharmonía de Galicia porá o punto final á última temporada completa de Paul Daniel como director principal logo do anuncio de que dará por finalizada a súa etapa en decembro de 2022 coa orquestra galega.

Será o último concerto dunha temporada na que a Real Filharmonía levou “ao público asistente a viaxar por todo o mundo sen moverse do auditorio grazas á música e na que se viviron grandes fitos como a estrea mundial de A Sombra de Cristal, ópera cómica en galego de Fernando Buide con texto de Quico Cadaval, ademais do debut e presenza en Galicia de grandes directores e solistas”, segundo se destaca dende a entidade.

 

Artigos relacionados

Back to top button